Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Comeza en Tui o taller de reforzo escolar do Servizo Municipal de Atención de Menores

6/10/2022

Impártese os martes no edificio Francisco Sánchez. 

Esta semana deu comezo un taller de reforzo escolar destinado a menores de familias en situación de  vulnerabilidade. Enmárcase dentro do programa SAMM, o Servizo de Atención Municipal a Menores de Tui. Púxose en marcha xa en cursos pasados logo de que Servizos Sociais detectasen unha necesidade crecente neste ámbito de actuación.

Amais da actuación deste departamento municipal, detectando cada caso que precisa de atención, os propios centros tamén fan derivacións de aquel alumnado con certas dificultades educativas e académicas e en situacións de vulnerabilidade.

Os talleres céntranse no reforzo en diferentes ámbitos a nivel socioeducativo, con clases de apoio e reforzo educativo. Desenvólvese no edificio Francisco Sánchez os martes de 16:00 a 19:00 horas e en dous grupos de idade limitados a 10 menores por grupo para poder atender ás necesidades específicas de cada neno ou nena.

Trátase dun programa de gran demanda, xa que todos os anos existe lista de agarda. Con este e outros programas dos Servizos Sociais municipais, o Concello de Tui quere incidir no seu firme compromiso con estas políticas públicas, esenciais para a asistencia, a axuda e o apoio a todos os colectivos vulnerables do municipio. Por isto lembran, a todo aquel que o precise, pode contactar con este servizo no teléfono 986 60 36 25 extensión 54.