Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Coa visita mañá aos Sambenitos do Museo Diocesano comezan en Tui as "Xornadas europeas da cultura xudía"

5/09/2008

COA VISITA AOS “SAMBENITOS” DO MUSEO DIOCESANO COMEZA MAÑA SÁBADO EN TUI A “9ª XORNADA EUROPEA DA CULTURA XUDÍA”

 

Mañá sábado, 6 de setembro, coa visita guiada á colección de “Sambenitos” do Museo Diocesano de Tui abrese na cidade miñota a celebración da “Xornada europea da cultura xudía” que neste ano acada a súa novena edición.

A visita comezará ás 12,30 horas da mañá no propio Museo Diocesano e estará a cargo do seu director Jesús Casás Otero. Casás, doctor en Teoloxia e licenciado en Filosofía e Letras (especialidade Historia da Arte) é un investigador en temas artísticos e históricos da nosa diocese e, entre as súas públicacións, cómpre reseñar que é autor do libro “Los sambenitos del Museo Diocesano de Tui” no que analiza pormenorizadamente estes singulares testemuños da presenza de conversos e xudaizantes na Galicia do século XVII. Cabe lembrar que estas pezas son únicas en España e posiblemente en Europa.

As celebración da xornada continuará o domingo cun percorrido polas rúas do conxunto histórico tudense para coñecer as pegadas da presenza xudía na nosa cidade.

Coa celebración desta xornada sobre a cultura xudía rescatáse do esquecemento a importante aportación que esta comunidade realizou á vida e a historia da nosa cidade ao longo de moitos séculos. Coas visitas guiadas organizadas a cargo de recoñecidos especialistas os asistentes poderán achegarse ao coñecemento deste aspecto da historia tudense, pois Tui é un dos principais enclaves da presenza xudía no Noroeste hispánico, aínda que as veces este coñecemento fique restrinxido ao ámbito de especialistas. Con estas actividades preténdese a difusión destes aspectos que contribuirán á valorización da historia tudense e dos monumentos que se conservan como testemuñas desta evolución histórica.

Por vez primeira a cidade de Tui participará nas actividades que na primeira fin de semana de setembro se organizan baixo a denominación de “Xornada Europea da Cultura Xudía” e que acadan neste ano a súa novena edición. Estas actividades están organizadas en España pola Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad, que agrupa a diversos municipios españoles que conservan testemuñas da presenza do xudeus na súa historia. O Concello de Tui está interesado en sumarse a esta agrupación de municipios e coma primeiro paso neste proceso promove a celebración desta xornada que abrangue dúas visitas guiadas ao longo desta vindeira fin de semana.

O principal obxectivo desta xornada, que se celebra en toda Europa nesta mesma data, é promover o coñecemento e o achegamento ao patrimonio xudeu que se conserva nas nosas cidades, o legado histórico de Sefarad e as xentes que o habitaban.