Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Coa celebración o luns 23 de Abril de “Tui le: Os libros na Praza de San Fernando” comeza o “Mes dos Libros” na Biblioteca Municipal

20/04/2012

O vindeiro luns, 23 de abril, co gallo da celebración do “Día do Libro” a Biblioteca Municipal de Tui xuntamente coas bibliotecas escolares do noso concello e a Biblioteca Municipal de Valença organizan unha nova edición de “Tui le: os libros na Praza de San Fernando”. Esta celebración ten como obxectivo achegar o libro e a lectura aos escolares do noso municipio e a todos os veciños de Tui.

 

Cada persoa que se achegue ata a Praza de San Fernando diante da Catedral de Tui pode intercambiar os seus libros vellos e usados polos que estarán alí cubrindo este histórico espazo público da zona monumental tudense.

 

Ao longo da mañá está previsto que máis dun milleiro de escolares participen neste acto e realicen naquel lugar diversas actuacións musicais, recitados, etc. Neste ano os organizadores se suman á campaña denominada “Eu amo as bibliotecas públicas” que promoven diversas organizacións educativas se profesionais para a difusión das actividades das bibliotecas públicas como un servizo público imprescindible para un axeitado desenvolvemento da sociedade.

 

Salienta nesta ano a presenza da Biblioteca Municipal de Valença que se implica tamén nesta festa do libro e a lectura que, por terceiro ano, ateigará de libros esta Praza tudense. En caso de choiva esta actividade terá lugar no Claustro da Catedral tudense.

 

A actividade continuará logo pola tarde para que todos os veciños de Tui poidan achegarse ata esta Praza a intercambiar libro e haberá ás 18,00 unha sesión de contacontos  titulada “Contos do lobo” polo grupo Ghazafelhos”.

 

A concelleira de cultura, Vanesa Rodríguez Pereira, salienta o importante traballo de colaboración desenvolvido entre as diversas bibliotecas escolares do noso concello xunto coas bibliotecas municipais de Tui e Valença para organizar esta actividade. Anima a todos os veciños a achegarse ata a Praza de San Fernando o vindeiro lúns para celebrar o “Día do Libro” intercambiando os seus libros usados cos outros alí depositados sendo un fermoso xeito de promover a lectura entre os cidadáns.

 

A responsable de Cultura anuncia tamén que con esta actividade comeza o programa do “Mes dos libros” na Biblioteca Municipal de Tui que ofrece un amplo abano de actividades dirixidas aos diversos segmentos de usuarios que frecuentan a nosa Biblioteca. Trátase se ofertar unha serie de actividades que combinan o lecer coa formación e a difusión cultural a desenvolver ao longo dos meses de abril e maio.

 

O programa amais da actividade do vindeiro luns abrangue as seguintes:

 

26 de abril:

20,30 horas: Presentación do libro “Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX”, de Tucho Calvo. Sala Felix Rodríguez González.

 

3 de maio:

18,30 h.: Sesión de contacontos: “Contos de Rodari” por Pablisimo (idade de 4 a 9 anos)

 

8 de maio:

20,00 h.: Obradoiro para mozos e adultos “A rede que les: literatura + internet” por Estibaliz Espinosa. Biblioteca Municipal

 

15 de maio

18,00 h.: Obradoiro de globoflexia para rapaces. Biblioteca Municipal.

 

17 de maio (Día das Letras Galegas)

Feira do libro no Paseo da Corredoira de 12,00 a 21,00 horas.

 

19 de maio:

11,30 horas: Obradoiro “¿Seguro que sabes o que é unha caricatura?” por David Pintor (idade recomendada de 10a 13 anos). Biblioteca Municipal.

 

Algunhas destas actividades contan coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do programa Letras Vivas.