Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ciclo de cine ambiental e solidario "Butaca verde" do 27 ao 29 de xaneiro

14/01/2010

CICLO DE CINE AMBIENTAL E SOLIDARIO "BUTACA VERDE" EN TUI DO 25 AO 27 DE XANEIRO

 

Xoves, 14 de xaneiro de 2010. O Concello de Tui, a través da Biblioteca Municipal, promove o  ciclo de cine ambiental e solidario "Butaca Verde", organizado polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), a través do seu Centro de Documentación Ambiental. Esta actividade oferta tres filmes diferentes de cine ambiental, que os interesados poderán contemplar no Telecentro de Tui os vindeiros días 25, 26 e 27 de xaneiro a partires das 19:30 horas.

 

Os documentais incluídos no ciclo de cine ambiental e solidario "Butaca Verde", e que tentan abordar as principais problemáticas ambientais dos nosos días, son:

 

"Home"; Yann Arthus-Bertran (2009). Home é unha oda á beleza do planeta e á súa delicada harmonía. A través de diferentes paisaxes captados desde o aire, e das consecuencias das accións do home nos seus ecosistemas, o documental pretende espertar en todos nós a conciencia necesaria para cambiar o noso modo de ver a Terra. Duración: 120'

 

"Oro negro"; Mark Francis e Nick Francis (2006). As multinacionais do café dominan os centros comerciais e os supermercados, controlando unha industria que move máis de oitenta billóns de dólares anuais, convertíndose na mercadoría comercializada máis valiosa do mundo despois do petróleo. Pero o prezo real que se paga aos campesiños que cultivan o café é moi baixo. Un convite a un consumo responsable para os demais, para nós Duración: 78'

 

"El viaje del emperador"; Luc Jacquet (2005). Cada ano na Antártida dá comezo unha emocionante e fermosa viaxe. Centos de miles de pingüíns emperador abandonan a seguridade do océano para adentrarse na desértica terra xeada conducidos pola súa necesidade de reproducirse. Cada vez esta travesía vital é mais complicada Duración: 85'

 

O Concello de Tui anima a todos os interesados a participar nesta actividade de divulgación ambiental e que tenta provocar na cidadanía a reflexión necesaria sobre o noso estilo de vida e a adopción de condutas diarias máis sostibles e responsables con nós e co planeta. Ademais, "Butaca Verde" é unha actividade de carácter gratuíto e de acceso libre ata completar o aforo do local.