Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Celebración do Día da Biblioteca co espectáculo “A Boneca de trapo” de Loia Producións

22/10/2026

Será este sábado ás 11.30 h na Biblioteca Municipal.  O lema deste ano é  “Sen profesionais non hai bibliotecas”  

Este sábado celébrase o Día da Biblioteca. O lema deste ano é “Sen profesionais non hai bibliotecas”. Nesta data tan especial a Biblioteca tudense acollerá o espectáculo “A boneca de trapo” da man da compañía lucense Loia Producións presentará o seu espectáculo “A boneca de trapo” na Biblioteca Municipal de Tui a partir das 11.30 horas da mañá celebrando así o “Dia das Bibliotecas”.

A obra conta a historia de Mara, unha nena moi curiosa á que lle encanta ler e descubrir contos, unha afección que comparte coa súa avoa Lola, á que tamén lle encanta ler e escribir historias. A súa vida cambia cando recibe como agasallo unha boneca de trapo que axiña se converte no seu xoguete favorito. A partir de entón, Mara comeza a imaxinar os diferentes papeis que podería desempeñar a boneca, desde princesa ata pirata ou escritora. Con todo, as conversas coa súa avoa permítenlle descubrir a vida de mulleres que contribuíron a cambiar a historia, o que transforma a súa maneira de entender o mundo e tamén as posibilidades de futuro que imaxina para a súa boneca e para si mesma.

A través desta historia, a representación busca fomentar a igualdade e cuestionar os estereotipos de xénero desde a infancia, ao tempo que pon en valor a importancia dos referentes femininos para a sociedade.

Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, sinala que con esta actividade péchase o programa do “Mes da Biblioteca” que contou con dez actividades dirixidas aos diversos segmentos de usuarios da Biblioteca e público en xeral. O obxectivo foi poñer en valor a actividade e a oferta que realiza a Biblioteca Municipal tudense para o acceso á cultura escrita, á información, á socialización... converténdose nun espazo accesible para toda a cidadanía pola súa oferta bibliográfica e de actividades de todo tipo ao longo do ano.  

Día das Bibliotecas 2026

O “Día das Bibliotecas”, que se celebra en España dende o ano 2019, centra a súa mensaxe neste ano no lema “Sen profesionais non hai bibliotecas”. O cartel da celebración foi deseñado pola ilustradora Carmen Segovia, para poñer no centro ás persoas que fan posible que as bibliotecas sexan moito máis que un simple conxunto de recursos, andeis e espazos. As bibliotecas, como institucións democráticas, son un servizo esencial para a cidadanía, que busca nelas un lugar de encontro, de intercambio de opinións e coñecemento. Pero detrás de cada préstamo, cada consulta, cada actividade, cada recomendación e cada proxecto hai profesionais que traballan para garantir o acceso á cultura, acompañar ás súas comunidades e facer das bibliotecas espazos abertos, inclusivos e accesibles para todas e todos.

Recoñecer e visibilizar a quen desempeña este labor, que a miúdo permanece invisible, resulta fundamental para comprender o verdadeiro valor das bibliotecas. Porque unha biblioteca non é unicamente aquilo que vemos cando entramos nela: é tamén o traballo das persoas que seleccionan e organizan as súas coleccións, preservan o patrimonio, facilitan o acceso á información, fomentan a lectura, acompañan a aprendizaxe e crean actividades e servizos para responder as necesidades dos seus usuarios.