Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A cativada da Escola Infantil A Galiña Azul de Tui visita a Biblioteca Municipal

9/04/2026

Ao longo desta semana os nenos e nenas da Escola infantil A Galiña Azul de Tui visitan a Biblioteca Pública Municipal tudense para coñecer as súas instalacións e servizos así como para participar na lectura de varios contos por parte do persoal da biblioteca.

Previamente foi realizado o carné da Biblioteca a todo o alumnado o que lle da acceso aos servizos bibliotecarios, especialmente ao préstamo domiciliario de libros. Deste xeito, todos os rapaces e as rapazas participantes nesta actividade levan unha obra, que eles mesmos escolleron, para a lectura no seu domicilio.

Esta iniciativa promovida pola Escola Infantil A Galiña Azul, en colaboración co Concello de Tui, pretende que os nenos e nenas coñezan os servizos municipais de lectura e préstamo de libros dos que poden facer uso á vez que fomentan a afección á lectura desde idades ben temperás.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, agradece esta iniciativa da Escola Infantil A Galiña Azul de achegamento á Biblioteca Municipal onde os nenos e nenas puideron coñecer todas as súas dependencias e descubrir o mundo de posibilidades que lle ofrece este centro de lectura para incentivar a súa imaxinación e os seus coñecementos.