Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Catedrática Marta Cendón ofrecerá o martes unha conferencia sobre a Catedral de Tui en 1225

26/12/2025

Dentro do programa de actividades conmemorativo do 800 aniversario da consagración da catedral de Tui o vindeiro martes, 30 de decembro, ás 19,30 h, terá lugar unha conferencia da recentemente nomeada catedrática de historia da arte da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Cendón Fernández, titulada “A catedral de Tui a 30 de novembro de 1225. Qué estaba feito e que faltaba por facer?”.

Esta conferencia está organizada polo Concello de Tui ao abeiro da programación de actividades do aniversario da catedral tudense e abre un ciclo de conferencias que cada mes nos achegará a diversos aspectos da historia, da arte, do patrimonio, etc da nosa catedral de santa María.

Con esta charla Marta Cendón, que ten dedicado numerosas investigacións e estudos á catedral tudense, realizará un achegamento ao proceso construtivo deste templo, ilustrando as diversas etapas deste proceso.

A investigadora tudense licenciouse en 1989 coa especialidade de Arte Antiga e Medieval; é doutora pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese sobre  “Iconografía funeraria del obispo en la Castilla de los Trastámara” (1995) dirixida por Dr. Manuel Núñez Rodríguez. Ademais, realizou estudos en Estrasburgo, Madrid, París e Perugia. Ten realizados diversos traballos de investigación recollidos en varios libros e numerosos artigos. Entre as súas principais publicacións destaca "La catedral de Tui en época medieval", un templo ao que ten dedicado unha especial atención en numerosos traballos e proxectos de investigación. Marta Cendón é unha das maiores especialistas na arte de época medieval en Galicia e na actualidade é presidenta do Instituto de Estudios Tudenses.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, agradece á profesora Marta Cendón a súa contribución ás celebracións do oitocentos aniversario da consagración da catedral con esta interesante intervención que posibilitará aos asistentes achegarse  un coñecemento mais enriquecedor da nosa catedral.