Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Catedral volve iluminar as noites tudenses

28/06/2026

O proxecto executado, respectuoso co medio ambiente, realza cada elemento do templo

A Catedral de Tui ilumínase de novo como un faro na noite tudense e deste territorio transfronteirizo. Onte á noite tiña lugar o acendido das novas luminarias que realzan o templo tudense dende o Pórtico gótico, o primeiro en iluminarse cada noite, coma as torres, as campás, a fachada norte, o pazo episcopal, ou os pequenos detalles coma as marcas dos canteiros, as inscricións, e os reloxos de sol que podemos atopar na súa pedra.

A nova iluminación, máis eficiente e respectuosa, traballa tanto na escala cercana, apreciable no percorrido arredor do templo, coma na escala paisaxística pudendo admirarse dende distintos puntos da contorna coma a alameda de San Domingos, a ponte internacional, ou a veciña Valença.

A nova iluminación supuxo un investimento de 152.145,40€ cofinanciados polo Plan de Sostibilidade Turística en Destino, PSTD, “A Despensa de Galicia” e do Concello de Tui.

Onte a noite o alcalde, Enrique Cabaleiro, reafirmou “o compromiso da institución local” sinalando que “recuperar o noso patrimonio histórico non é unha opción política, é un deber e unha responsabilidade de todos e todas”. Aludiu Enrique Cabaleiro na súa intervención as obras das que está sendo obxecto a Catedral, nun ano cunha conmemoración tan especial coma o 800 aniversario da súa consagración.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, definiu a Tui como un “enclave estratéxico” confiando en que esta nova iluminación “teña tamén un impacto turístico extraordinario”. Fixo referencia amais a importancia de Tui no Camiño de Santiago afirmando que ser segundo punto de partida de todos os Camiños de Santiago “converte a cidade nun dos grandes referentes do movemento xacobeo europeo”.

O bispo da diocese de Tui-Vigo, Monseñor Antonio Valín, afirmou que con esta nova iluminación “a catedral é un pouco máis faro tanto de día coma de noite”  para a cidade e a contorna, e amosou o seu agradecemento a todas as persoas que “fixeron este soño realidade”.

A presidenta da asociación Galicia Suroeste, Sandra González, manifestou que esta iluminación da Catedral de Tui é un dos proxectos máis importantes acometidos con fondos do PSTD. Explicou coma os fondos europeos serven para valorizar o territorio e iluminar un momento tan importante coma o 800 aniversario da consagración da Catedral. .

O director do proxecto, Manuel Martínez Carazo, na súa intervención, sinalou que “traballar en Tui e poder iluminar esta catedral foi un auténtico regalo”.  Explicou que o proxecto que executores pretende “revalorizar a catedral” para “poder apreciar toda a súa beleza e a súa arquitectura e dotala dunha iluminación suave pero emocional”.

A nova iluminación suporá un aforro enerxético do 50%, e deixaranse de emitir 7,5 toneladas de CO2 ao ano

Numeroso público deuse cita onte á noite na praza de San Fernando para vivir este momento no que a Catedral volveu brillar na noite de Tui, tras semanas apagada, precisamente polos traballos para a instalación das novas luminarias. Moitos deixaron constancia do momento coas primeiras fotos da nova iluminación. Miguel Veiga foi o encargado da ambientación musical dunha velada tan especial para a cidade. A presentación do acto correu a cargo da xornalista Andrea Carrera.