Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Case 600 persoas participarán este sábado na I San Silvestre tudense

29/12/2022

Ás 12 h tomaranse as uvas coas badaladas e a continuación actuará Broken Peach

Tui vai despedir o ano con deporte, solidariedade, badaladas e música en directo na I San Silvestre Solidaria “Correr e Andar” en beneficio da Asociación Española contra o Cancro.

O sábado a cita comezará ás 10.30 h no Paseo da Corredoira dende onde partirán as 597 persoas inscritas nesta primeira San Silvestre tudense organizada polo Concello de Tui e o Club Atletismo Tui. A acollida a esta carreira popular – con 443 persoas adultas inscritas e 154 nenos e nenas - superou todas as expectativas da organización.  Realizarase un percorrido urbano moi sinxelo de 4 quilómetros polo conxunto histórico e a beira do Miño, no que as persoas participantes poderán ir correndo ou andando até regresar ao Paseo da Corredoira, como agasallo recibirán unha camiseta conmemorativa.

A festa continuará con chocolatada con rosca e ás 12 h ao son das badaladas do reloxo da praza da Inmaculada tomaranse as 12 uvas.  A festa continuará con música en directo a cargo de Broken Peach, o grupo vigués presentará o seu espectáculo de Nadal no que interpretarán versións de temas tan coñecidos como Let It Snow, Santa Claus Is Coming To Town, Jingle Bell Rock, Rockin’ Around The Christmas Tree ou All I Want For Christmas Is You co seu característico son.