Carnavales de Mañufe con “2030 do Porvir” gañadora absoluta do Entroido en Tui
A Asociación Cultural San Xurxo levou o primeiro premio en carrozas, a Banda de Música Popular de Tui gañou en Parodia, a Cultural de Pontellas en Coreografía, e Mañufe tamén foi a gañadora en Música
A comparsa “2030 do Porvir” da Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar foi a gañadora absoluta do Desfile-Concurso de Entroido en Tui. A súa proposta que xirou entorno aos ODS, Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, obtivo a máxima puntuación por parte dos membros do xurado. Valoraron a súa creatividade inspirada nos 17 ODS nun proposta que mesturou modernidade e futurismo.
Foron tamén os gañadores na categoría de música e recibiron o cuarto premio en carrozas cunha proposta futurista na que ían os músicos actuando en directo.
Na categoría absoluta o segundo premio correspondeu á Asociación Cultural San Xurxo con “Carnaval San Xurxo” que mesturou mitoloxía, historia e fantasía. Esta comparsa coa súa carroza presidida por un gran oso levou o primeiro premio nesta categoría.
A Asociación Entroido de Pexegueiro con “Llegó Papá” foi a terceira clasificada na categoría absoluta, e levou tamén o terceiro premio en carrozas co seu conclave, amais do segundo en Parodia.
Mentres a diversidade cultural e gastronómica representada pola comparsa Asociación os da Casa de Vigo con “Sabores do Mundo” obtivo o cuarto premio na categoría xeral.
O bosque de “O Segredo do Frondal” da Asociación Cultural O Millor de cada Casa de Gondomar obtivo o segundo premio en carrozas co cova do Elfo Superior.
En na categoría de Parodia o premio foi para a Banda de Música Popular de Tui con “Cantos Fumos – Tui Capital Histórica do Turismo Político” e o segundo para o Entroido de Pexegueiro. A Asociación Cultural de Pontellas foi gañadora na categoría de coreografía coa danza das súas amazonas e guerreiros. O xurado concedeulle un accésit especial de inclusión.
Miles de persoas gozaron dunha tarde chea corido, ritmo, diversión e sátira, nun novidoso percorrido que transcorreu polas rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy e Compostela. Animou a celebración a orquestra Triunfo que actuou mentres o xurado deliberou e continuou co seu espectáculo musical tras a entrega de premios.
Mañá Tui despedirá o Entroido co Enterro do Bacallau. Unha cita festiva de rigoroso loito na que participarán as doce comparsas xunto a centos de persoas. Sairá ás 19.30 h dende a praza de San Fernando, onde terá lugar a lectura das coplas, e continuará pola rúa Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Corredoira, Camilo José Cela, Praza de Galicia, e Lugo, para rematar no aparcamento municipal, onde terá lugar a incineración do Bacallau.
A festa comezará xa pola mañá coa charanga tudense Cantos Somos que actuará de 12 a 14 h, e pola tarde, de 17 a 19 h contarase por vez primeira na cidade coa Batucada Levada Arraiana de Estás, Tomiño.
Tui vive así unha fin de semana festiva de Entroido.
Gañadores Absolutos
- “2030 do Porvir” da Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar
- “Carnaval San Xurxo” da Asociación Cultural San Xurxo de Salceda de Caselas
- “Llegó Papá” da Asociación Entroido de Pexegueiro de Tui
- “Sabores do Mundo” da Asociación Os da Casa de Vigo
Gañadores Carrozas
- “Carnaval San Xurxo” da Asociación Cultural San Xurxo de Salceda de Caselas
- “O segredo do Frodal” da Asociación Cultural O Millor de cada casa de Gondomar
- “Llegó Papá” da Asociación Entroido de Pexegueiro de Tui
- “2030 do Porvir” da Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar
Gañadores Parodia
- “Cantos Fumos – Tui Capital Histórica do Turismo Político” da Banda de Música Popular de Tui
- “Llegó Papá” da Asociación Entroido de Pexegueiro de Tui
Gañadora Coreografía
- “A Danza das Amazonas” da Asociación Cultural de Pontellas do Porriño
Gañadora Música
- “2030 do Porvir” da Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar





