Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Caramuxo Teatro abre a programación de 2010 do Teatro Municipal con “Os Bolechas”

4/02/2010

Será mañá venres ás 20h no Teatro Municipal

Caramuxo Teatro abre a programación de 2010 con "Os Bolechas"

Os famosos personaxes de Pepe Carreiro toman vida nesta comedia musical

 

Xoves, 4 de febreiro de 2010. Mañá venres comeza a programación do primeiro semestre de 2010 organizada pola Concellería de Cultura  no Teatro Municipal de Tui. Caramuxo Teatro presenta "Os Bolechas" unha obra de monicreques na que dan vida aos famosos personaxes creados por Pepe Carreiro. A cita será ás 20h no Teatro Municipal.

 

"Os Bolechas" son un gran éxito editorial galego que agora chega en forma de comedia musical da man de Caramuxo Teatro.  Este é un espectáculo que nos amosa un día na vida desta divertida familia. Coñeceremos as ocorrencias do pequeno Tatá, as travesuras de Chispa, a Braulio e Sonia, as xemelgas Pili e Loli, e ao irmá máis vello Carlos. O texto está creado en colaboración entre a compañía e o autor dos Bolechas, Pepe Carreiro.

 

Coma antes se mencionada tratase dunha comedia musical cuxa banda sonora está creada pola compañía e interpretada por músicos da Xoven Orquestra Sinfónica de Galicia. A representación inclúe partes musicais cantadas e outras melodías que buscan crear diferentes ambientes na escena.

 

Os bonecos empregados no espectáculo son tipo Muppets tallados en gomaescuma por Marcelo Fernández, recoñecido titiriteiro arxentino, que ten realizados diferentes traballos para teatro, cinema e televisión en diferentes lugares do mundo.

 

A obra, cunha duración de 50 minutos, foi estreada no mes de outubro en Ames. Dende entón foi vista por máis de 7 mil espectadores nas 35 funcións realizadas.

 

Darán vida aos personaxes coa manipulación dos monicreques Xosé Esperante, Juan Rodríguez e Laura Sarasola.

 

Caramuxo Teatro  é unha compañía de teatro, creada en 2003 na Coruña, dedicada ao público infantil e xuvenil. Realizan espectáculos para diferentes idades, dende bebés ata adolescentes, empregando técnicas diversas coma teatro de actor, monicreques de mesa, de luva ou teatro de rúa. Teñen participado en diferentes mostras, feiras e festivais con máis dunha ducia de montaxes.

 

As entradas para este espectáculo están xa á venda na web www.culturatui.info ata o venres ás 16.30h, e o venres dende ás 18.30h poderanse mercar no despacho de billetes da Área Panorámica.

 

 

Caramuxo Teatro con "Os Bolechas"

Data e hora:  Venres, 5 de febreiro, ás 20h

Lugar: Teatro Municipal

Prezos: 4€- 2€

Venda de entradas: na web www.culturatui.info até o venres ás 16.30, e o venres dende ás 18.30h até ás 20h no despacho de billetes

Máis información en www.caramuxoteatro.net