Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Caldelas de Tui ofrecerá máis espazo seguro e amable para as persoas

3/08/2022

O goberno de Tui solicita o apoio da rede ÁGORA para o proxecto de acondicionamento da contorna do balneario de Caldelas

Tui. Mércores, 3 de agosto de 2022.  

O goberno de Tui vén de solicitar á Deputación de Pontevedra o seu apoio para o proxecto de acondicionamento da contorna do balneario de Caldelas. O alcalde, Enrique Cabaleiro, así o informou adiantando que a suma dos distintos proxectos presentados á rede ÁGORA gañarán un total de 7023 metros cadrados para as persoas despois de actuar en máis de 13.307 m2..

Pór en valor a contorna deste lugar de referencia cultural e turística e ofrecer maior seguridade aos peóns son algúns dos obxectivos deste proxecto que abrangue un ámbito de  actuación dunha superficie aproximada de 4.100 m2 no centro do núcleo da parroquia de Caldelas, ao pé da vía de ferrocarril e da estrada provincial PO-404, e ó redor da igrexa parroquial de San Martín.

As actuacións proxectadas acadarán unha superficie total para o peón de 2.127 m2, cun incremento de 1.291 m2 máis para o desfrute das persoas. “Para contribuír á mellora da calidade de vida da veciñanza é indispensable ofrecer espazos de convivencia agradables, seguros e de calidade”, sinala o alcalde que explica que o proxecto establecerá claramente  a prioridade peonil para devolverlle, tamén, ese carácter de emprazamento para o lecer,  a interacción social e o descanso que históricamente tiña o centro de Caldelas.

Os espazos proxectados estarán deseñados de xeito que garantan a accesibilidade universal e devolvan o uso principal do espazo público aos peóns facilitando que maiores, nenos e nenas  se sintan autónomos e seguros.

O cambio de prioridades de mobilidade e o tratamento da superficie gañada con materiais de elevada calidade terá un impacto moi positivo na percepción dos visitantes, no comercio e na vida local.

O ámbito delimítase dende o entronque coa estrada provincial, incluíndo o acceso que pasa por debaixo da vía de ferrocarril  ata a outra rúa de acceso ó núcleo, que se prevén que se converta no principal acceso para o tráfico motorizado. Ademais, engádese un tramo da rúa que continúa pola contorna da parcela do Balneario, ata o parque Ribeira de Caldelas.

A proposta reduce considerablemente o espazo dedicado ó tráfico motorizado, limitando o acceso ó centro do núcleo para o tráfico de necesidade. O entronque coa estrada provincial máis o paso por debaixo da vía tratarase cun pavimento que permita o uso compartido por vehículos e peóns, dando continuidade á rúa adxacente á vía de ferrocarril. Esta nova xerarquía de prioridades ten como obxectivo desviar o acceso do vehículo á rúa que ven polo oeste, para evitar interromper a actividade no espazo público fronte o balneario e ó redor da igrexa. A pavimentación das zonas peonís realizarase con materiais de gran calidade, como lousa ou adoquín de granito, que se concretarán na fase de proxecto. De xeito complementario prevese a dotación de mobiliario urbano e iluminación.

O Concello de Tui avanza, así, no cumprimento do obxectivo de desenvolvemento sostible 11 (ODS) e nos obxectivos específicos da súa Axenda Urbana concretamente no 2 garantindo a calidade e accesibilidade aos espazos públicos.