Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

ButacaZero presenta este venres en Tui “Iribarne”

9/10/2024

A obra achéganos, con sátira e humor, á historia recente de España

A compañía ButacaZero presenta este venres, 11 de outubro, ás 21 h no Teatro Municipal de Tui "Iribarne" dirixida por Xavier Castiñeira e da autoría de Eshter F. Carrodeguas.  A peza, unha irreverente investigación escénica, mergúllase na vida dun personaxe singular que percorre momentos clave da historia de España, desde a Monarquía de Alfonso XIII ata a ditadura franquista.

Sobre o escenario estarán Mónica García, Xurxo Cortázar, Anxo Outumuro, Lidia Veiga, Jorge De Arcos, e Esther F. Carrodeguas. "Iribarne" retrata a vida dun home que emigra a Cuba, regresa a Galicia e marcha a Madrid, onde mesmo ocupa un ministerio.  A obra, aínda que evoca a figura de Manuel Fraga, non é un biopic sobre el.

Esta montaxe, producida en colaboración co Centro Dramático Nacional, forma parte da aposta de ButacaZero por un teatro que dialoga coa actualidade a través dunha mirada crítica e irónica. A compañía aborda en Iribarne temas como a política, a historia recente de España, e as grandes ambicións dun home fronte a un réxime autoritario.

A compañía galega ButacaZero, liderada por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, consolidouse como un referente do teatro galego contemporáneo. Desde a súa popularización no ano 2016 coa estrea de Voaxa e Carmín na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, ButacaZero non deixou de innovar e de explorar novos camiños no ámbito escénico.

Nos seus proxectos, a compañía abordou temas como o esquecemento con na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior], a identidade galega con #camiños (en coprodución co CDG), a vida de María Casares con Despois das ondas, a vida confinada con 32m2, a violencia machista coa ópera Papagena, e a gordofobia con O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, estreada en 2023 no Teatro del Barrio.

As súas producións percorren os principais teatros e festivais de Galicia, como a Mostra Internacional de Teatro (MIT), o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), a Mostra de CEE e o Festival Internacional de Cangas, entre outros. As súas montaxes foron tamén candidatas numerosas veces aos Premios María Casares de Teatro, onde conseguiron varios galardóns, e aos Premios Max, destacando nas categorías de mellor espectáculo musical ou lírico e mellor labor de produción.

En 2023, ButacaZero deu un salto importante coa súa aposta por un novo modelo de xestión creativa expandida e transmedia. Fruto deste cambio nace a súa nova produción “Iribarne”, en coprodución co Centro Dramático Nacional, que marca o inicio dunha nova etapa con maior risco tanto empresarial como artístico e político, consolidándose como unha plataforma en constante evolución e crecemento.

A obra, que combina crítica social, humor e reflexión política, ten unha duración de 3 horas, cun descanso de 15 minutos. As entradas están a venda en tui.gal aos prezos de 10 € e 7,5€.

ENTRADAS