Budiño presenta en Tui o seu quinto disco “Volta”
Será este venres 30 ás 21.30h
Estará acompañado dunha banda “moi galega” segundo o artista
Unha viaxe de ida e volta é a presenta o músico Xosé Manuel Budiño no seu traballo discográfico “Volta”. No mesmo inclúen os seus temas máis representativos xunto a outros novos coma “Volta” e “Tradi”. Todos van soar este venres, a partir das 21.30h, no Teatro Municipal de Tui no concerto que este músico galego ofrecerá en Tui.
Xosé Manuel Budiño, explicaba a semana pasada na presentación da programación do outono en Tui que “Volta é unha viaxe por catro continentes” na que percorreron países coma Líbano, Siria, Xordania, Marrocos, pasando por Arxentina, México, China... Neses concerto sinalaba que “tivemos a oportunidade de ir con cámara en man gravando parte destas viaxes, o que a xente non está afeita a ver, coma os cambios de escenario, os hoteis,.. pequenas xoias que imos presentar en Tui”. Van estar na cidade cunha banda “moi galega, moi electrónica, moi de baile, con moita percusión de galega” segundo Budiño para unir os dous mundos que tanto lle apaixonan “a música tradicional e a música máis de vangarda ou máis contemporánea”.
Budiño estivo en Tui hai quince anos presentando o seu primeiro traballo discográfico “Paralaia” e volve agora para tocar ante o público os temas do seu quinto disco “Volta”.
As entradas custan 5 e 3€ e pódense adquirir dende o luns 26 na web www.culturatui.info, ou o propio día do concerto no despacho de billetes.
Xosé Manuel Budiño
Data: Venres, 30 de setembro, ás 21.30h
Lugar: Teatro Municipal no edificio da Área Panorámica
Entradas: 5 e 3€
Á venda en www.culturatui.info ou o día do concerto dende ás 20h no despacho de billetes.