Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca tudense acadou 39.612 usuarios no ano 2006. Club de lectura e concurso de caligramas novas propostas para este trimestre

25/01/2007

A BIBLIOTECA MUNICIPAL TUDENSE ACADOU 39.612 USUARIOS NO PASADO ANO 2006.
Club de lectura e concurso de caligramas novidades no primeiro trimestre.

Nesta mañá o Concelleiro de Cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, ofreceu unha rolda de prensa para presentar un balanzo do ano 2006 na Biblioteca, Sala de Exposicións e Arquivo Municipal, así como un avance da programación destes servizos municipais para o primeiro trimestre de 2007. Estivo acompañado polo técnico responsable destes servizos, Rafael Sánchez Bargiela.
Ante todo o Concelleiro quixo agradecer públicamente aos diversos medios de comunicación o seu traballo e a colaboración prestada no decurso do pasado ano 2006 na difusión da actividade cultural do Concello de Tui.
En primeiro lugar, informouse que a Biblioteca Municipal de Tui acadou o pasado ano un total de 39.612 usuarios, un número altamente satisfactorio para os responsables municipais pois estatísticamente significa que cada tudense pasou máis de dúas veces pola Biblioteca ao longo do pasado ano. Contrasta esta cifra cun reducido número de préstamos pois dos 23.140 libros que posúe a biblioteca únicamente 3.489 foron levados ao domicilio polos usuarios. Incrementar este número de empréstitos será un dos obxectivos da Biblioteca.
Informouse tamén que a Biblioteca tudense foi premiada no certame “Maria Moliner” de animación á lectura que organiza o Ministerio de Cultura, a Federación Española de Municipios e Provincias e a Fundación Coca Cola España. Premio acadado en recoñecemento ao seu labor de promoción da lectura a biblioteca tudense recibirá un lote de libros.
Anunciou o concelleiro que en breves días a biblioteca contará con melloras no seu equipamento, especialmente na biblioteca infantil, gracias a unha dotación de mobiliario concedida pola Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia por un valor que se achega aos 12.000 euros.
Tamén lembraron que na Biblioteca continúase co labor de reordenación de fondos, rematando hai poucas datas a reorganización da Biblioteca infantil onde agora os libros están ordeados por cores según á idade á que están recomendados, deste xeito é moito máis sinxelo atopar un libro adaptado a cada segmento de idade.
Na programación para este primeiro trimestre salientan os seguintes aspectos:
- continuidade do programa de animación á lectura en lingua inglesa “Fun Kids”
- Inicio dun Club de Lectura na Biblioteca co prazo de inscrición aberto ata o vindeiro 10 de febreiro.
- Convocatoria dun concurso de caligramas, ou poemas visuais, cuxo prazo de entrega remata o 10 de marzo.
- Celebración de “Días con poesía” en torno ao 21 de marzo Día Mundial da poesía, con obradoiros, recitais, etc.

O Concelleiro informou tamén sobre as novas actividades na Sala Municipal de Exposicións ao longo deste trimestre e que veñen a consolidar a actividade realizada no decurso do pasado ano con oito exposicións entre agosto e decembro. En concreto, a programación abrangue o seguinte:
- “Río sen margens” exposición de pintura de Orlando Pompeu, do 19 de xaneiro ao 3 de febreiro
- “Tintas galegas, sobre a `Serigrafía Gallega´ de Álvaro Álvarez Blázquez” do 9 ao 28 de febreiro
- “Boticas – a seducçâo da montanha: exposición de pintura e bibliobiográfica sobre o escritor portugues Gomes Monteiro” do 2 ao 16 de marzo, en colaboración coa Cámara Municipal de Boticas.
- “Galicia conservando a Natureza”, do 6 ao 9 de marzo, exposición de carácter didáctico en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente.
- Exposición de escultura de Iron English organizada por Play Doc, do 20 ao 25 de marzo.

Por último informaron sobre a actividade do Arquivo Municipal tudense cuxa reorganización rematou no verán do pasado ano a cargo do persoal do Servizo Técnico de Patrimonio Documental da Deputación Provincial de Pontevedra e logo dun investimento de case 40.000 euros por parte do Concello de Tui en mobiliario para os diferentes depósitos do arquivo. Agora o Concello rematará axiña a instalación dunha sala de investigadores para a consulta dos fondos documentais. Coa dotación deste servizo arquivístico cúmprense os requerimentos establecidos de persoal, instalacións e organización para acadar a devolución dos fondos históricos do Arquivo Municipal; así o reclamará de novo o Concello ante a Consellería de Cultura e Deporte e o Ministerio de Cultura, titular dos fondos documentais depositados no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.