A Biblioteca Pública Municipal de Tui reabriu hoxe con todos os servizos
Establécense unha serie de medidas preventivas. Terá unha capacidade como máximo do 75%
A Biblioteca Municipal de Tui recuperou esta mañá o seu horario de apertura de mañá e tarde e o funcionamento de todos os servizos bibliotecarios.
O seu horario é de luns a venres de 9.30 a 13.30 h e de 16 a 21 h, e os sábados de 9.30 a 13.30 h.
Dende hoxe a Biblioteca tudense volve contar co servizo de préstamo e devolución de obras; consulta, lectura e estudo en sala; información bibliográfica e bibliotecaria; préstamo interbibliotecario e intrabibliotecario; colección en libre acceso; hemeroteca; actividades culturais presenciais e dixitais e información e referencia presenciais.
Establécense unha serie de medidas de prevención e funcionamento para un normal funcionamento do servizo e unha axeitada prevención sanitaria. Así as persoas usuarias e o persoal deben seguir as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade covid-19, así como a propia exposición aos estes riscos:
- A distancia interpersoal entre usuarios e entre estes e o persoal da biblioteca será de polo menos 1,5 metros. Poderá ser dun metro cando se conte con elementos de protección ou barreira
- Será obrigatorio o uso de máscara agás cando se permaneza sentado nun posto de lectura
- Durante a lectura da prensa manterase posta a máscara en todo momento, agás os supostos excepcionados. Os usuarios/as deberá desinfectar as mans antes e despois do seu uso ou manipulación.
- O lavado ou desinfeccións de más debe realizarse no acceso á Biblioteca, amais de antes e despois de manipular cada material de préstamo.
- No caso de usar a sala de lectura ou un posto de acceso a ordenadores, cada usuario realizará a limpeza e a desinfección do posto de lectura (cadeira e mesa) empregado tras o seu uso ou do ordenador e posto de consulta utilizado, solicitando os produtos requiridos ao persoal da Biblioteca.
- A capacidade máxima da Biblioteca establécese nun 75%
- Establécese un sentido único de circulación dos usuarios no edificio, estando debidamente sinalizado
- O ascensor só será empregado por persoas con mobilidade reducida.
- Recoméndase non usar os aseos