A Biblioteca Municipal superou os 20 mil préstamos de libros en 2025
Supón un incremento do 9% con respecto a 2024. Conta con case 5 mil usuarios activos. O ano pasado incorporou case 1000 novos libros
A Biblioteca Municipal de Tui acadou en 2025 un total de 20.178 préstamos, o que supón un incremento do 9,4% con respecto o ano anterior, continuando a liña de crecemento dos últimos anos en canto a préstamos e número de usuarios.
Estes datos confirman o interese da cidadanía pola cultura e o incremento dos hábitos lectores entre a infancia e a mocidade. Precisamente esta franxa de idade lidera os índices de préstamo na biblioteca tudense, xa que máis do sesenta por cento dos libros foron retirados por usuarios menores de catorce anos.
O incremento no número de préstamos ten crecido de forma significativa nos últimos anos pasando de 14.536 en 2023, a 18.279 en 2024 e os 20.178 en 2025. Deste total 10.671 foron realizados por usuarios infantís e 9.557 por persoas adultas.
O longo do ano 2025 a Biblioteca Municipal incorporou aos seus catálogo 928 libros novos, reafirmando o compromiso por ofrecer unha colección actual e variada para todas as idades e orientada ás demandas da cidadanía.
Actualmente a Biblioteca tudense conta con 4935 persoas usuarias, das que 385 se incorporaron ao longo dos últimos doce meses.
A oferta de extensión cultural da biblioteca abarca tamén diferentes actividades. Así por unha parte están as exposicións de pintura, escultura e fotografía que se realizan na Sala Municipal e no seu anexo. Tamén ao longo do ano son numerosas as actividades de animación á lectura que se levan a cabo como contacontos, presentacións de libros e conferencias, que contribúen a situar a Tui como o referente cultural do sur da provincia.
A concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, destaca o importante labor que a Biblioteca realiza de promoción da lectura tanto coas actividades que leva a cabo coma coa ampla oferta de libros que presenta, que se actualizan cada mes.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, o pasado sábado na entrega dos diplomas de “Lectores de honra” referiuse a importancia de seguir fomentando o hábito da lectura entre os máis pequenos e pequenos.
Dende o Concello de Tui estase a traballar nun proxecto para mellorar as instalacións da Biblioteca Municipal e crear unha Sala de Estudo.





