Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal promove un Club de Lectura

30/01/2007

A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL PROMOVE A CREACIÓN DUN CLUB DE LECTURA

A Biblioteca Pública Municipal de Tui pón en marcha unha nova oferta de animación á lectura dirixida, neste caso, a persoas adultas ou estudantes a partires de Bacherelato: o Club de Lectura da Biblioteca tudense. As persoas interesadas en participar nesta actividade de periodicidade quincenal teñen de inscribirse na propia Biblioteca tudense ata o vindeiro 10 de febreiro, cubrindo unha folla de inscrición. A primeira xuntanza cos interesados será o martes 13 de febreiro ás 19,30 horas na propia Biblioteca para presentar esta iniciativa e organizar o seu funcionamento. Cómpre lembrar que esta actividade está aberta á participación de todos e o seu custo é gratuito.
Un Club de lectura é un grupo de persoas que len ao mesmo tempo un libro, previamente acordado de xeito conxunto. Cada quen o fai no seu tempo de lecer, pero un día fixo (no noso caso cada dúas semanas) reúnense todos para comentar as páxinas avanzadas dende o encontro anterior.
Nas xuntanzas debátese sobre o lído na casa: o estilo literario, a propria acción, as persoaxes, a temática... resulta frecuente derivar dende o libro ás experiencias persoais dos membros do club. En xeral esta conversa e as opinións escoitadas enriquecen moito a impresión inicial que cada quen acada da sua lectura en solitario.
Non é unha reunión de especialistas en literatura, nin de estudiosos ou xentes moi cultas senón que está orientada para lectores normais e comúns. O obxectivo do Club de Lectura é exclusivamente incrementar o pracer da lectura compartidoo con outras persoas.
Esta iniciativa ten acado un notable éxito noutras bibliotecas por canto esta lectura “compartida” resulta moito máis atractiva e doada que facelo de xeito solitario. Para a Biblioteca municipal tudense a creación deste Club de Lectura tenta ofertar unha actividade de cara aos seus usuarios adultos e deste xeito incrementar o uso da Biblioteca por este segmento poboacional e favorecer o préstamo domiciliario de libros, unha das funcións básicas do todo centro bibliotecario de carácter público