Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal organiza un Programa de Actividades arredor do 24 de Outubro "Día da Biblioteca"

20/10/2011

Encontro con Neira Vilas, tertulia con Víctor F. Freixanes e Marga do Val, presentación do libro de M. Vázquez de la Cruz e contacontos integran o programa

 

A Biblioteca Pública Municipal de Tui organiza a “Semana da Biblioteca”, arredor da celebración o vindeiro luns, 24 de outubro, do “Día da Biblioteca”, que abrangue un amplo programa de actividades centradas na promoción do libro e a lectura.

Este programa comprende as seguintes actividades

 

-       Luns 24 de outubro, Día da biblioteca, “Maratón sobre Memorias dun neno labrego” coa presenza de Xosé Neira Vilas no Teatro Municipal:

o       12,00 h. para Primaria

o       16,30 h. para Secundaria e Bacherelato

-      Martes 25, presentación do libro de Manuel Vázquez de la Cruz: “O punteiro”, 20,00 horas – Sala Felix Rodríguez

-         Mércores 26, contacontos e kamishibai na Biblioteca ás 17,30 h.

-         Xoves 27: tertulia cos Premios da Critica 2010 en lingua galega: Victor F. Freixanes e Marga do Val – 20,00 h. Sala Felix Rodríguez

 

A celebración o luns 24 do encontro dos escolares tudenses co escritor Xosé Neira Vilas, neste ano en que se celebra o cincuenta aniversario da edición do seu libro “Memorias dun neno labrego” é unha oportunidade única para compartir co escritor de Vila de Cruces as súas impresións sobre esta obra literaria que marca un fito na literatura galega contemporánea e que se ten convertido xa nun clásico.

Ao día seguinte, martes 25, terá lugar a presentación do libro que recolle unha escolma dos artigos que o tudense Manuel Vázquez de la Cruz ven publicando periodicamente no suplemento comarcal do Baixo Miño do xornal “Faro de Vigo” na sección denominada “ O punteiro”. Neste acto, a celebrar ás 20,00 h na Sala Felix Rodríguez, participarán, xunto ao autor, José Manuel Cousido (Petote), promotor da edición deste libro, e o escritor tudense Ángel Vázquez de la Cruz.

Culmina esta Semana coa tertulia que realizaran os autores gañadores do Premio da Critica Española, na modalidade de lingua galega correspondente aso libros editados no anos 2010 e fallado na pasada primavera: Víctor F. Freixanes, coa súa novela “Cabalo de ouros” e Marga do Val, co seu poemario “A cidade sen roupa ao sol”. Ambos disertarán arredor das súas respectivas obras literarias. Este acto terá lugar ás 20,00 h na Sala Félix Rodríguez.

Completa este programa de actividades a celebración dunha sesión lectura de contos e de kamishibai (teatriño tradicional xaponés) que terá lugar na Biblioteca Municipal o mércores ás 17,30 horas, dirixido aos rapaces máis cativos entre 3 e 6 anos de idade.

Para a concelleira de cultura, Vanesa Rodríguez Pereira, as actividades desta “Semana da Biblioteca” posibilitan que os tudenses poidan achegarse a un amplo abano de actividades arredor do libro e a lectura.

Para Vanesa Rodríguez Pereira a celebración desta “Semana da Biblioteca” evidencia o traballo que este centro realiza diariamente a prol da lectura, entendida non só como unha opción para o lecer das persoas de todas as idades senón como unha ferramenta básica para a súa formación, onde a información ocupa un lugar primordial.

A celebración do “Día da Biblioteca” é unha iniciativa da Asociación Española do Libro Infantil e Xuvenil que dende 1997 ven promovendo esta efeméride para a difusión do importante papel que cumpren as bibliotecas no desenvolvemento social das persoas e das colectividades e para favorecer o coñecemento pola opinión pública do traballo que realizan estes centros culturais.

 

Día da Biblioteca 2011 (PDF)