Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal incrementa o seu número de usuarios e de préstamos nun 25% ao longo do ano 2009

10/02/2010

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI INCREMENTA O NÚMERO DE USUARIOS E OS PRÉSTAMOS NUN 25% AO LONGO DO ANO 2009

Presentada a súa memoria do ano 2009, con 23 actividades de animación á lectura xunto ás actividades permanentes (Clube Lectura, visitas escolares, etc.)

 

Martes, 9 de febreiro de 2010. A Biblioteca Pública Municipal de Tui vén de presentar a súa memoria de actividades do pasado ano 2009 na que destaca a consolidación deste servizo bibliotecario como un dos referentes culturais do Concello tudense. Como principais acontecementos da Biblioteca tudense ao longo do pasado ano cómpre salientar os seguintes:

 

a)     A concesión por cuarto ano consecutivo dun dos Premios "María Moliner" convocados polo Ministerio de Cultura, a Federación Española de Municipios e Provincias e a Fundación "Coca-Cola" España no apartado de "labor bibliotecaria".

b)     A posta en marcha dunha nova sección na Biblioteca, neste caso a "comiteca" cunha escolma de fondos de banda deseñada para todas as idades.

c)      A posta en funcionamento da páxina web da Biblioteca Municipal de Tui no portal de "bibliotecas publicas.es" aproveitando o programa que o Ministerio de Cultura ofrece ás bibliotecas españolas. Nesta paxina ofrécese información tanto sobre a biblioteca e as súas actividades como sobre a nosa localidade. Nos escasos tres meses en que funcionou ao longo do pasado ano tivo un total de 3.557 visitas.

 

Datos estatísticos

 

A Biblioteca tudense ten acadado no pasado ano un total de 31.512 usuarios (o que supón unha media de 105 persoas que acceden diariamente a este servizo cultural) incrementándose nun 25% respecto ao ano 2008 en que foran 25.069 os usuarios. Similar incremento experiméntase no número de libros retirados en empréstito domiciliario polos socios da Biblioteca que chegaron a 5.374 libros (2.826 da sección adultos e 2.548 da sección infantil) aumentando tamén arredor dun 25% en relación aos 4.295 libros emprestados ao longo de 2008.  Cifras aínda lonxanas aos estándares internacionais.

 

Para os responsables da Biblioteca tudense estes datos son especialmente satisfactorios, especialmente no incremento dos libros emprestados xa que supoñen un aval á liña de traballo desenvolvida neste centro bibliotecario nos últimos tempos. Así o aumento de 2.056 novos títulos da colección bibliográfica, (1.597 en adultos e 509 en infantil) e que alcanza os 28.552 volumes, incorporando as novidades editoriais logran fidelizar aos nosos usuarios e incrementar significativamente o movemento dos fondos bibliográficos. Este incremento de fondos supón un importante esforzo económico que financia en grande medida o Concello de Tui coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

 

Actividades

Ao longo do ano 2009 a Biblioteca Municipal de Tui desenvolveu diversas actividades de promoción da lectura. Por unha banda actividades de carácter permanente e estable como son:

-          Club de Lectura, integrado na actualidade por 13 persoas que se reúnen quincenalmente na Biblioteca para comentar os libros que previamente teñen escollido e lido.

-          Visitas escolares, que no pasado ano 2009 supuxeron a visita ao centro bibliotecario de 790 alumnos de diversos centros educativos de primaria e secundaria do concello tudense.

-          Bibliopiscina, como un servizo complementario nos meses estivais que este ano foi mellorado coa colaboración da Editorial Everest cun lote de 200 libros e unha carpa para á sua exposición na Piscina Municipal.

-          "Lendo espero" ou programa promovido pola Consellería de Cultura e Turismo que ofrece un espazo de lectura na sala de espera de pediatría no Centro de Saúde de Tui, en cuxa xestión participa a Biblioteca Municipal de Tui.

 

En canto a actividade de carácter periódico ao longo do ano 2009 foron realizadas un total de 23 actividades de animación á lectura (contacontos, proxeccións, obradoiros, etc.) dirixidos especialmente aos nenos e nenas, pero por vez primeira neste pasado ano se organizaron tamén para outros segmentos de idade. Así houbo contacontos para adultos ("Mulleres de palabra" con Charo Pita o 22 de abril e  "A hora azul" con Tropa de Trapo o 21 de outubro) e mesmo unha sesión de formación para nais e pais (obradoiro "Contamos todos" con Amalia Pérez Otero, celebrado o 23 de novembro) e tamén obradoiros de banda deseñada para os mozos (con dous dos principais ilustradores de Galicia: "Gochi" o 8 de maio e Jacobo Fernández Serrano o 23 de outubro).

 

Entre as actividades promovidas para os rapaces e que se centraron nas campañas: "Mes dos libros" (abril/maio), "Día da Biblioteca" (outubro), "Outono na Biblioteca" (novembro) e "Nadal con libros", cómpre salientar como actividades que suscitaron maior interese e participación o espectáculo "Ledicias" do grupo "A ill@ dos nen@s" celebrado o 18 de novembro con 200 participantes, ou o contacontos de "Pavis-pavós" celebrado o 15 de maio, ou "Contos da Vía Lactea" de Tusitala celebrado 2 de abril con máis de 50 nenos e nenos, etc. Suliñar tamén os chamados "Encontros de verán na Biblioteca" celebrados do 1 ao 9 de xullo cunha positiva participación nesta actividade lúdica. Boa parte destas actividades foron realizadas ao abeiro do programa "Letras Vivas" que promove a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

 

Nesta memoria da Biblioteca salienta tamén a exposición temporal organizada no mes de maio que baixo o título de "Tui escríbese en versos" recollía 15 poemas de outros tantos poetas vinculados coa nosa cidade e que tivo unha moi positiva acollida.

 

Outra importante actividade promovida pola Biblioteca Municipal foi a conmemoración o 24 de xuño do CXVIII aniversario da celebración dos Xogos Florais de Galicia que contou coa participación das poetisas Yolanda Castaño, Eva Veiga e Marga Romero e a colaboración especial do músico Tomás Camacho. Celebrado na igrexa de San Domingos este recital reuniu a máis de 80 persoas.

 

Por ultimo, subliñar que a Biblioteca participou en actividades de presentación de libros ou de colaboración con entidades e colectivos tudenses.

 

Para o concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, os datos desta Memoria acreditan o importante esforzo que o Concello de Tui está a desenvolver na promoción da lectura pública desde o convencemento que é unha ferramenta imprescindible para a formación no só dos rapaces senón de toda a sociedade e, ao tempo, unha alternativa de lecer de grande interese.