Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal gaña por quinto ano un dos premios María Moliner e segue coas actividades de Nadal

28/12/2010

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI RECIBE POR QUINTO ANO UN DOS PREMIOS MARIA MOLINER

Mañá martes cunha proxección continua o programa de "Nadal con libros"

 

Luns, 27 de decembro de 2010. A Biblioteca Pública Municipal de Tui vén de ser seleccionada polo Ministerio de Cultura como premiada no concurso "María Moliner" que anualmente convoca este Ministerio xunto coa Federación Española de Municipios e Provincias e a Fundación "Coca-Cola" España.

 

Esta convocatoria anual, recoñece o papel que os centros bibliotecarios desenvolven a prol da animación á lectura nos municipios de menos de 50.000 habitantes. Neste ano foi reducido o número de premios neste certame, que recoñece o traballo de 300 bibliotecas de toda España, entre elas 23 de Galicia.

 

A Biblioteca Municipal de Tui co seu proxecto "Un ano cos libros" acadou, por quinto ano consecutivo, este recoñecemento ao seu traballo bibliotecario e de promoción da lectura, o que consolida a este centro bibliotecario tudense como unha das bibliotecas máis dinámicas da nosa comunidade autónoma.

 

Para o responsable da Concellería de Cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, é unha gran satisfacción este novo galardón ao distinguir o importante esforzo que o Concello de Tui está a desenvolver neste ámbito de animación á lectura. Sinala amais a continuidade de cinco anos recibindo este galardón (e mesmo na edición de 2007 como finalista) que certifica, non un traballo puntual e esporádico, senón un labor municipal alongado no tempo mantendo sempre uns parámetros de calidade. Rodríguez Pérez aproveita para felicitar ao persoal da Biblioteca Municipal tudense polo seu bo quefacer e tamén aos usuarios da mesma pois a súa asistencia e participación, cada vez máis numerosa, avalan o traballo bibliotecario que realiza este centro cultural.

 

Cinema na programación de "Nadal con libro"

Por outra banda, maña martes 28 de decembro continúan as actividades programadas ao abeiro do ciclo "Nadal con libros". Desta volta, ás 17,00 horas terá lugar a proxección da película de animación "Gisaku" (2005) que foi a primeira película realizada en España segundo a tradición do "anime" ou debuxos animados xaponeses. Este filme foi nominado no ano 2006 aos premios Goya como mellor película de animación.

 

Tamén ao longo destes días do Nadal continua a desenvolverse a experiencia de "Punto de intercambio de libros: agasallámonos con libros?" que organiza a Biblioteca Municipal tudense. Trátase de ofrecer un espazo para que os lectores tudenses poidan intercambiar os seus libros; o interesado en participar trae un libro e pode retirar o que lle interese do expositor onde aproximadamente hai cincuenta libros para o intercambio. Nos primeiros días desta experiencia xa foi renovada máis da metade dos libros cos que comezou esta experiencia de intercambio de libros.

 

As actividades de Nadal proseguiran no martes 4 de xaneiro cunha nova proxección neste caso con diversos episodios do gran heroe do cómic europeo: Tintin, e o final do punto de intercambios de libros no día 5 de xaneiro.