Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal fixo entrega dos alimentos recollidos no Mercadiño Solidario de Libros

9/01/2023

O pasado xoves, 5 de xaneiro, tivo lugar a entrega dos alimentos recollidos no Mercadiño Solidario de Libros organizado ao longo do mes de decembro pola Biblioteca Municipal de Tui.

Persoas voluntarias da Asociación Asistencia SOS Tomiño Baixo Miño e a coordinadora dos Servizos Sociais Municipais  achegáronse ata a Biblioteca Municipal, para recoller os alimentos que foron entregados polos usuarios e usuarias deste centro bibliotecario.

Nesta nova edición do Mercadiño Solidario de Libros a Biblioteca Municipal ofreceu os libros destinados ao expurgo, procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns de veciños, para que aqueles lectores interesados puideran recoller aquelas obras que resultasen do seu interese, coa condición da entrega de lotes de produtos de Nadal destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais. Os libros ofertados foron de temática moi ampla e variada, desde novelas, libros infantís e xuvenís, libros de coñecementos, de non ficción, incluso algunhas obras de consulta.

O resultado desta nova edición do Mercadiño Solidario de Libros foi altamente positivo para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, polo alto número de alimentos recollidos como polos máis de cento cincuenta usuarios da Biblioteca Municipal que participaron nesta campaña.