Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal de Tui celebra o Día da Biblioteca cun contacontos para bebés con Charo Pita

23/10/2023

Será mañá martes ás 17.30 h no propio centro bibliotecario

Mañá martes, 24 de outubro, celébrase o “Día da Biblioteca” e na Biblioteca Municipal tudense haberá, ás 17.30 h,  unha sesión de contacontos dirixido aos seus usuarios máis cativos, entre 0 e 3 anos de idade. Estará a cargo de Charo Pita  co espectáculo “Porco porquiño, ensíname o camiño”. Tamén ao longo da xornada os usuarios da biblioteca serán agasallados con libros, que poderán escoller, procedentes de duplicados, expurgos e doazón da biblioteca. 

Charo Pita é unha profesional da animación cunha alongada experiencia na animación á lectura cos seus espectáculos. “Porco porquiño, ensíname o camiño: enriba, abaixo, diante, detrás, por onde vas? Tes algunha historia que contar?…”  combina contos, brincadeiras, rimas e cancións porcas, porquísimas para pasalo en grande cos máis peques da familia.

Esta actividade pecha a programación de “Outubro, mes da Biblioteca” que ao longo do presente mes ten achegado diversas actividades relacionadas co libro e a lectura á biblioteca tudense. Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, esta programación pretende achegar o centro bibliotecario tudense á sociedade proporcionando a través das actividades programadas ferramentas para o crecemento, tanto individual como social, mediante a transmisión dos valores que agocha a lectura.

O “Día da Biblioteca” deste ano 2023 celébrase baixo o lema "Tecendo Comunidades" que pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. O cartel conmemorativo está cargo da ilustradora Nuria Riaza. Como sinala a convocatoria deste “Día das Bibliotecas”, unha biblioteca non é só un edificio cheo de libros: son corazóns palpitantes dentro das nosas comunidades, son espazos de encontro e diálogo. O Día das Bibliotecas pon en valor o traballo que realizan todas as bibliotecas, de todas as tipoloxías (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais), para conectar aos seus usuarios, crear redes de apoio e colaboración, fomentar a participación e o diálogo cidadán, facer accesible a cultura e o coñecemento a toda a poboación, independentemente da súa idade, xénero, raza ou lugar de residencia.