A Biblioteca Municipal celebra o Día do Libro cun xogo de adiviñas sobre personaxes da literatura infantil
A Biblioteca Municipal de Tui vai celebrar mañá mércores, 23 de abril, o Día Internacional do Libro coa estrea dun xogo para os pequenos lectores que asistan á biblioteca. Trátase dun xogo de adiviñanzas interactivo onde a rapazada terá que acertar unha combinación de números a partir das imaxes dos personaxes dos seus libros favoritos. Os participantes que acerten as combinacións de números e libros do panel recibirán un pequeno agasallo. Este xogo, que mestura elementos mecánicos e dixitais foi creado pola compañía de xogos interactivos e de escapismo “Juegos Buskalo”, e foi cedido á biblioteca tudense pola biblioteca da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.
Con esta proposta, sinala a concelleira de Cultura Sonsoles Vicente, dende a Biblioteca Municipal tudense pretendemos promover a afección pola lectura especialmente entre os rapaces e rapazas máis novos, neste caso tendo como referencia os seus personaxes favoritos da literatura infantil en galego. Este xogo estará presente na Biblioteca Municipal de Tui ata os primeiros días do mes de maio.
Ademais a Biblioteca tudense ofrecerá unha escolma dos textos máis representativos que posúe do escritor Álvaro Pombo, que recibirá maña, 23 de abril, o Premio Cervantes.
Día Internacional do Libro
O 23 de abril conmemórase o Día Internacional do Libro e do Dereito de Autor. A razón: o 23 de abril de 1616 falecían Cervantes, Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega. Tamén nun 23 de abril naceron – ou morreron – outros escritores eminentes como Vladimir Nabokov, Josep Pla ou Manuel Mejía Vallejo. Por este motivo, esta data tan simbólica para a literatura universal foi a escollida pola Conferencia Xeral da UNESCO, en 1995, para render unha homenaxe mundial ao libro e os seus autores.
O Ministerio de Cultura, a través da Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da Lectura, promove o cartel conmemorativo do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor 2025, que nesta edición foi realizado polo ilustrador Pep Montserrat, Premio Nacional de Ilustración 2024. Este cartel ilustra unha frase do último galardoado co Premio de Literatura en Lingua Castelá ‘Miguel de Cervantes’, que outorga o Ministerio de Cultura. En 2024 foi Álvaro Pombo, de quen se elixiu, para inspirar o deseño, o seguinte texto: “Ler é comprender. O acto de ler é entendemento. Ler e comprender é vivir”.
A partir desta cita, Pep Montserrat sinalou que chegou á idea “do libro como porta, un espazo maior, máis libre, máis amplo e rico”. Ademais, o autor engadiu que para iso “foi moi útil romper coa idea dun ser humano lendo e poder introducir outros elementos que puidesen xogar con esa idea de porta”. Respecto ao resultado final do cartel, Pep Montserrat sinalou que espera “que funcione como unha invitación a este feito tan marabilloso e incrible que temos os seres humanos de poder acceder a vidas máis ricas, máis amplas e máis libres a través dos libros”.