Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal acolle actividades co gallo da celebración do “Dia da Biblioteca”

18/10/2010

A BIBLIOTECA MUNICIPAL ACOLLE ACTIVIDADES CO GALLO DA CELEBRACIÓN DO “DIA DA BIBLIOTECA”

Luns, 18 de outubro de 2010. A Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle nesta semana diversas actividades arredor da celebración, o vindeiro domingo 24 de outubro, do “Día da Biblioteca”.

A celebración do “Dia da Biblioteca” é unha iniciativa da Asociación Española do Libro Infantil e Xuvenil que dende 1997 ven promovendo esta celebración para a difusión do importante papel que cumpren as bibliotecas no desenvolvemento social das persoas e das colectividades e para favorecer o coñecemento pola opinión pública do traballo que realizan estes centros culturais.

A Biblioteca Municipal tudense que leva xa varios celebrando esta festa ten preparado un programa de actividades arredor desta data que comprende os seguintes actos:

  1. Martes 19 de outubro, sesión do Club de Lectura de adultos que promove esta biblioteca como un xeito de promoción do libro e a lectura ofrecendo aos lectores tudenses un lugar de encontro e tertulia arredor das súas lecturas. O Club de lectura se reúne quincenalmente os martes ás 20,00 horas.
  2. Xoves 21 contacontos para adultos coa obra "O Garavanzo, O Sapo e o Zapato" a cargo do grupo “A loca-Motora”. Trátase dun contacontos intimista e literario para adultos, que a través das dúas actrices da compañía, aborda o tema da busca do Amor, os encontros e desencontros de amores. Con referencias e guiños cómicos aos clásicos da literatura infantil, ao cine, á publicidade, á tradición, á música e á literatura. O espectador escoitará fermosos relatos de Ángeles Mastretta, Xosé Saramago, Isabel Allende... Esta actividade comezará ás 20,30 horas do serán na propia Biblioteca Municipal.
  3. Sábado 23 haberá unha sesión de contacontos para os nenos e nenas, ata os oito anos, a cargo da compañia “Títeres cachirulo” coa obra “Un bo rato cos ratos”. Darío Abecé é un rato de biblioteca curioso e divertido. Nunha tarde de tronos agáchase nun estante esquecido e atopa “Unha biblioteca de ratos”, con relatos de ratos pequenos, ratos poetas, ratos rabudos… e máis e máis relatos de ratos. Darío decide levarnos por estes contos aos que, coma el, as veces, temos un pouquichiño de medo ás tormentas. Este contacontos comezará ás 12,00 horas do mediodía.

 

Para o concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, a celebración deste “Día da Biblioteca” é unha nova oportunidade para achegarse a actividade deste servizo municipal que ten como obxectivo á promoción da lectura nos diversos segmentos de idade da nosa sociedade. Estas actividades desenvólvense en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo ao abeiro do programa “Letras Vivas”.