Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Berrogüeto presenta este sábado ás 20.30h “Fisterránea 2010. Músicas no cabo do Mundo” no Teatro Municipal

6/05/2010

Será  un concerto cun formato  inédito sobre a música de raíz

Berrogüeto presenta este sábado ás 20.30h "Fisterránea 2010. Músicas no cabo do Mundo" no Teatro Municipal

Estarán acompañados por Lizgairo, Espido, Xabier Díaz e Talabarte

 

Mércores, 5 de maio de 2010. Berrogüeto ofrecerá este sábado no Teatro Municipal de Tui un concerto cun formato inédito e único titulado "Fisterránea 2010. Músicas no cabo do mundo" dentro do ciclo "Raíces" do Xacobeo 2010. Trátase de presentar todas as posibilidades que se abren no panorama creativo da música de raíz a través das distintas formacións nas que os membros do Berrogüeto están inmersos. Así o explicaban os integrantes do grupo Anxo Pintos, Isaac Palacín e Quico Comesaña que compareceron en rolda de prensa xunto a Xoan Luaces da produtora do ciclo Xacobeo Raíces, a Antonio Fernández Rocha, Alcalde de Tui, e Moisés Rodríguez, Concelleiro de Cultura.

 

O concerto, que durará entorno ás dúas horas, comezará o sábado ás 20.30h, e agárdase que o Teatro estea practicamente cheo dado o bo ritmo de venda de entradas - ata hoxe hai xa 215 localidades vendidas - e o interese que este evento está a espertar tanto en Galicia, coma en Portugal e Asturias. As entradas están á venda en www.culturatui.info ata o sábado ás 16.30, ou no despacho de billetes da Área Panorámica o sábado dende ás 19h, ao prezo de 4€ e 3€.

 

Un concerto especial

 

Anxo Pintos, membro de Berrogüeto, explicaba que o concerto deste sábado é moi especial para eles xa que terá un formato inédito que ten pouco que ver con outro eventos nos que están a presentar o seu último traballo "Kosmogonías". O obxectivo aquí é, segundo dicía, ofertar "unha visión de conxunto das diferentes posibilidades que se abren dentro do panorama creativo da música de raíz no noso país, a través da ollada de todas as formacións nas que as músicos de Berrogüeto están inmersos ao marxe do propio grupo".

 

Nese senso explicaba que unha das cousas que caracterizan membros de Berrogüeto é "unha curiosidade extrema" o que lles leva a traspasar as fronteiras naturais do grupo para expandir o seu espírito creativo. Eses proxectos paralelos vanse ver reflectidos este sábado no concerto xa que estarán acompañados por catro propostas que abranguen todo o abano creativo posible, segundo explicaba. Estarán así tamén sobre o escenario Talabarte, Lizgairo, Espido e Xabier Díaz.

 

Así por unha parte sobre o escenario estará a visión instrumental de Talabarte e Lizgairo que achegan dous puntos de vista diferentes. Talabarte traballa dende a fusión entre a música de raíz, o jazz e música brasileira, e Lizgairo ofrece unha recreación da música tradicional con visión contemporánea. Xa na vertente vogal estarían Espido e Xabier Díaz, que fan música de creación os primeiros vinculados á música de raíz, e os segundo con visos de jazz.

 

Sobre o escenario estarán amais dous bailaríns, Serxio Cobos e María Prieto, que ofrecerán o punto equidistante entre o baile tradicional e unha visión contemporánea do mesmo.

 

Ao longo do concerto van estar "contaminando" a presenza de Berrogüeto cos músicos das outras formacións. Ofrecerán o "grosso" de Kosmogonías, pero interactuarán cos músicos "amigos" para achegar nalgúns momentos a case 20 músicos en escena.

 

Xoan Luces expuxo o gran éxito que están a ter os concertos deste ciclo aló onde se teñen celebrado ata o momento, agardando que en Tui o público responda positivamente.

 

O Concelleiro de Cultura destacou a idoneidade de que este concerto se celebre en Tui pola importancia da cidade coma porta de entrada do Camiño Portugués a Galicia, por onde milleiros de peregrinos está a pasar neste Ano Santo.

 

Por último o Alcalde de Tui asegurou que público tanto de Tui, coma da comarca, de Galicia, e da contorna, e Portugal, se van envorcar neste concerto coma ten amosado o interese que está a espertar o concerto.

 

Fisterránea 2010. Música no cabo do mundo

Data: Sábado 8 de maio  ás 20.30h

Lugar: Teatro Municipal

Venda de entradas: en www.culturatui.info ata o sábado ás 16.30h, e o sábado dende ás 19h

Prezos: 4€ - 3€.