Baobab Teatro presenta este venres no Teatro Municipal “Ás para Álex”
O espectáculo foi premiado na XXV Feira de Teatro de Castela e León
“Ás para Álex” é o título da obra teatral que Baobab Teatro presenta este venres, 17 de novembro, ás 19.30 h, no Teatro Municipal de Tui. Vai dirixida a público familiar, recomendada a partir dos 5 anos, e conta cunha duración de 50 minutos. Esta montaxe recibiu o premio “Provincia a escena” na XXV Feira de Teatro de Castela e León en Cidade Rodrigo co que os programadores e as programadoras culturais recoñecen ao "Mellor Espectáculo Infantil e Familiar".
Con guión de Andrea Bayer que dirixe a obra xunto a Óscar Ferreira “Ás para Álex” achéganos a historia dun neno, a quen coma a calquera neno de 8 anos lle encanta correr, xogar, quedar cos amigos/as, ir ao parque .... A súa paixón é o fútbol. Pero un día ten que deixalo todo porque algo lle pasa ao seu corpo. Alex enfádase co mundo, até que chega Laura, quen lle ensina cambiar a mirada.
Cora Velasco e Xosé Esperante son os actores e manipuladores dos monicreques encargados da posta en escena.
As entradas están á venda en tui.gal até o venres, ás 19.15 h, aos prezos de 4€ e 3€.
A programación de outono pecharase o próximo venres, 24 de novembro, con Redrum Teatro e a representación de “Hamelin”.