Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Bando da Alcaldía sobre limpeza de solares e terreos

28/06/2011

 

BANDO

 

MOISÉS RODRIGUEZ PÉREZ, ALCALDE-PRESIDENTE

DO EXCMO. CONCELLO DE TUI

 

FAI SABER a todos os cidadáns

 

Que en aplicación la Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das bases de réxime local a protección da salubridade pública e a prevención de incendios é unha competencia municipal.

Temos comprobado que no noso municipio existen un numeroso grupo de solares, parcelas, fincas e terreos nos que non se efectúa una limpeza periódica acumulándose maleza que amais de afectar ao ornato público –especialmente no noso conxunto histórico- é susceptible de prender lume e resulta tamén un foco de insectos e roedores provocando, en consecuencia, unha grave ameaza para a saúde e a seguridade das persoas. Salienta especialmente o risco de incendio nestas datas de inicio do verán.

Cómpre lembrar, segundo o establecido na Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia e a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que os propietarios de terreos e solares teñen a obriga de mantelos en condicións de seguridade, salubridade e ornato público realizando os traballos e obras precisos para conservalos nestas condicións.

Para garantir a seguridade fronte a posibles incendios todas as parcelas ubicadas en zonas limítrofes con núcleos de poboación, edificacións, solares, instalacións de carácter industrial, etc, deben dispor dunha faixa de seguridade libre de residuos e maleza, cuxa distancia recollen as devanditas normas legais. Finalmente sinalar que os restos da limpeza deben ser retirados do solar ou finca e trasladados a un vertedoiro controlado.

En caso de incumprimento do anteriormente preceptuado, o Concello de Tui procederá, segundo o establecido na lexislación vixente, a executar subsidiariamente as actuacións oportunas, debendo asumir os custes o propietario.

O que se fai público para xeral coñecemento e cumprimento.

 

Tui,  28 de xuño de 2011