Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Banda de Música “Unión de Guláns” e a Banda de Música Popular de Tui protagonizan o XVII Festival de Bandas de Música mañá venres ás 22,30 na Praza de San Fernando

31/07/2008

A Banda de Música “Unión de Guláns” e a Banda de Música Popular de Tui protagonizan o XVII Festival de Bandas de Música

Celébrase mañá venres, 1 de agosto, ás 22.30h na Praza de San Fernando

Xoves, 31 de xullo de 2008. Mañá venres, 1 de agosto, ás 22.30h, a Praza de San Fernando acolle unha das citas clásicas do Verán cultural na cidade coma é o Festival de Bandas de Música que chega a súa décimo sétima edición. Correrá a cargo da Banda de Música Unión de Guláns de Ponteareas e da Banda de Música Popular de Tui. A organización corresponde á Concellería de Cultura de Tui.

No ano 1870 ten as súas orixes a Banda de Música “Unión de Guláns” de Ponteareas, sendo unha das máis antigas de Galicia. Dende as súa creación baixo a batuta de D. José Carracedo foron moitos os directores que pasaron por esta agrupación, entre eles algúns afamados coma D. Rogelio Groba. Na actualidade a Banda está dirixida por Dona Alicia Porto. A Unión de Gulán está formada na actualidade por 50 músicos, dos que o 90% son naturais de Guláns. No seu repertorio teñen unha gran variedade de xénero musicais coma música clásica, zarzuela, lixeira, típica galega,... que interpretan nunha media de 60 espectáculos ao longo do ano. Teñen participado en varios programas de televisión e gravado o seu en distintos traballos, o último en 2004.

A Banda de Música Popular de Tui, que actúa de anfitrioa neste evento, afunde as súas raíces no ano 1881 cando foi fundada. Na actualidade está integrada por 65 compoñentes cunha media de idade inferior aos 30 anos.

O longo de toda a súa existencia a Banda de música popular de Tui contou con importantes e prestixiosos directores coma é caso de Veiga, Temes, Groba e Soutullo, e nela se formaron importantes músicos que hoxe percorren o mundo tocando en numerosas orquestras e bandas.

As súas actuacións foron diversas por toda Galicia e Portugal, pero tamén noutros lugares coma Avilés, Xeraco, Almoines, Belrreguart, Valencia, Madrid, Bos Aires, … as que hai que engadir a súa participación en distintos certames de bandas de música e intercambios. Tamén teñen participado en programas de radio e televisión, e realizou intercambios e viaxes a Aveiro en Portugal, Asturias, Salamanca. En outubro de 2006 celebraron de xeito oficial os 125 anos de Banda de Música en Tui.

Na actualidade a Banda de Música Popular de Tui está dirixida por D. Adolfo Besada.

XVII Festival de Bandas de Música de Tui

Data: Venres 1 de agosto ás 22.30h

Lugar: Na Praza de San Fernando

Participan: Banda de Música Unión de Guláns e Banda de Música Popular de Tui