A Banda de Música Popular de Tui ofrece o seu concerto solidario de Santa Icía baixo o título de “Dj Sinfónico"
Será un espectáculo solidario en favor de SOS Tomiño Baixo Miño. A cita no Teatro Municipal de Tui este sábado día 23 ás 19 h
O Teatro Municipal de Tui acolle este sábado, 23 de novembro, ás 19 h, o concerto solidario de Santa Icía da Banda de Música Popular de Tui. Este ano será cun formato novidoso: a confluencia dun dj en directo e da propia agrupación musical.
“Dj Sinfónico” é o título deste concerto, que mestura música actual con cancións da “movida valenciana”. É a primeira vez que a Banda de Música Popular de Tui plantexa un espectáculo con este formato.
A entrada terá un prezo de 2 euros en favor de SOS Tomiño Baixo Miño. Cos fondos recadados poderanse mercar alimentos, tanto para as necesidades da comarca como para as poboacións afectadas tras a DINA en Valencia.
Pódese mercar a entrada de forma anticipada e presencial na Escola da Banda de Música Popular de Tui (Guillarei), en Ideas (rúa Rosa Bahamonde) e na oficina de SOS Tomiño Baixo Miño (edificio Francisco Sánchez).
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, agradece este xesto solidario dende a Banda de Música Popular de Tui e valora “a orixinalidade dun concerto que, por primeira vez, inclúe música electrónica nesta agrupación tudense”.