Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Balance positivo das Xornadas Europeas de Patrimonio

5/10/2009

MÁIS DE 200 PARTICIPANTES NAS ACTIVIDADES

DAS "XORNADAS EUROPEAS DE PATRIMONIO" DE TUI

Máis de 200 participantes aistiron ás diversas actividades programadas nesta pasada fin de semana en Tui ao abeiro das "Xornadas Europeas de Patrimonio" celebradas por terceiro ano consecutivo na nosa cidade, sumándose á iniciativa europea que se celebra anualmente, dende 1991, nos 49 estados asinantes do Convenio Cultural Europeo promovido polo Consello de Europa.

Así o sábado día 3 de Outubro, ás 11,00 horas, desenvolvéuse a visita guiada ao Viveiro e Aula forestal de Areas. A visita estivo guiada por Manuel Pérez Pintos e un técnico daquelas instalacións, e os participantes poideron achegarse ao coñecemento da historia daquel viveiro, que ven de cumprir cen anos de existencia e aos importantes recursos tanto naturais, ambientais e mesmo culturais que fornece.

Pola tarde unha indisposición da profesora Marta Cendón Fernández, abrigou a unha modificación do programa previsto. Deste xeito en lugar da visita ao conxunto catedralicio que tiña preparada a profesora Cendón, unha das máximas especialistas neste templo, os máis de 50 participantes nesta visita poideron achegarse á tribuna e tellados da Catedral tudense guiado polo historiador Suso Vila. Foi unha interesante visita ás cubertas pétreas da Catedral onde os visitantes poideron disfrutar tanto destes elementos arquitectónicos coma da magnifica paisaxe que dende aquela altura se contempla.

O domingo 4 de outubro, ás 12,00 comezou a terceira das visitas programadas, neste caso ao sistema amurallado tudense baixo a dirección do arqueólogo Juan José Perles Fontao. A visita percorreu á porta da Pía, a Praza do Concello, o Colexio da Milagrosa -contemplando o treito mellor conservado das murallas medievais" e logo fixose un percorrido por diversos lugares da cidade onde se recoñecen outros elementos defensivos: a falsa braga do século XV e o sistema de murallas dos sécullos XVII e XVII. Un grupo de máis de medio centenar de persoas participaron nesta visita.

Finalmente, na tarde de onte e coa ameaza da chuvia, aproximadamente vinte participantes visitaron diversos monumentos contemporáneos da cidade, guiados polo historiados Rafael Sánchez Bargiela achegaronse ao "Monumento a Tui" de Magin Picallo na Praza de Galicia e o monumentos "Os cabalos" de Juan Oliveira na Glorieta de Vigo. Finalmente na Alameda tudense foi o escultor Silverio Rivas quen explicou aos participantes a súa obra en homenaxe ao represaliados da Guerra Civil. Esta última visita  estaba relacionada co lema escollido neste ano 2009 polo Ministerio de Cultura para a celebración destas Xornadas en España: "Patrimonio e creación contemporánea".

O Concelleiro de Cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, congratúlase polo éxito destas Xornadas do Patrimonio Europeo, que neste ano de novo suscitaron o interese nos tudenses que poideron achegarse ao coñecemento de novos elementos ou de novos aspectos do conxunto monumental da cidade. Cómpre salientar que esta iniciativa de celebrar as Xornadas Europeas de Patrimonio por parte do Concello de Tui evidencia o traballo que desenvolvese a prol da conservación e posta en valor do patrimonio cultural. O Concello de Tui, engade Rodríguez Pérez, é, xunto ao Museo do Pobo Galego, a única institución de Galicia que se suma a esta iniciativa europea, moi consolidada noutros paises. Unha iniciativa que terá continuidade no noso concello no vindeiro ano.

Finalmente a Concellería de Cultura agradece ás institucións e personas que teñen participado na realización destas Xornadas Europeas de Patrimonio a súa colaboración, que testemuña o seu interese e traballo en favor do patrimonio cultural tudense.