Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Balance positivo da reunión da Mesa Local de Seguridade Cidadá

11/04/2012

Incidirá na prevención en temas coma consumo de drogas ou de alcohol en menores

 

A Mesa Local de Seguridade Cidadá do Concello de Tui reuniuse onte á mañá de acordo ao compromiso adoptado polo Concello de Tui na última Xunta Local de Seguridade co subdelegado do goberno de manter reunións periódicas. A Mesa Local estivo presidida polo alcalde, Moisés Rodríguez e formaron parte da mesma o Capitán da Garda Civil, Gerardo Calvo, o sarxento da Garda Civil, José Luís Gallego, o Xefe da Policía Local de Tui, José Ramírez e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Ángel Gutiérrez.

 

Oito foron os puntos tratados de acordo á orde do día da reunión. O alcalde, Moisés Rodríguez, cualificaba a reunión de “moi satisfactoria”. Na mesma incidiuse na coordinación en distintos ámbitos entre a Garda Civil e a Policía Local, que xa existe na actualidade e que se trata de reforzar para obter mellores resultados.

 

Entre os puntos tratados estivo a evolución da delincuencia no termo municipal de Tui. Segundo o capitán da Garda Civil, Gerardo Calvo, rexistrouse unha evolución positiva comparando o primeiro trimestre de 2011 e 2012. Así o número de delitos pasou de 88 o ano pasado a 34 neste ano. Unha cifras que agarda sigan evolucionando á baixa. Mentres no que a faltas se refire cometéronse 80 en 2011 e 79 este ano. Aquí explicaba Gerardo Calvo que a penas houbo variación pola peculiaridade de celebrarse o mercadiño semanal onde se producen algúns furtos, aínda así expuña que a materia pendente é baixar o número de faltas que se producen.  En canto ao nivel de esclarecemento explicaba que mantén unha boa progresión pasando dun 19,5% o ano pasado e 17,5% este ano.

 

Por outra parte, segundo o acordado onte á mañá, tanto a Garda Civil coma a Policía Local realizarán unha campaña de prevención nos centros escolares do municipio para evitar o consumo de drogas. Para iso van intensificar a vixilancia nos arredores dos colexios e institutos e amais organizaranse charlas para sensibilizar tanto aos pais coma aos docentes sobre este tema. Neste asunto querían lanzar unha mensaxe de tranquilidade porque o capitán da Garda Civil explicaba que nestes momentos “non hai constancia de consumo en colexios, senón que se actúa de xeito preventivo”. Na campaña de prevención, segundo o alcalde, tamén se implicarán os distintos departamentos dos Servizos Sociais tudenses.

 

Tamén a prevención é o obxectivo do Plan de actuación en materia de espectáculos públicos, actividades recreativas, horarios de peche, consumo de bebidas alcohólicas e presenza de menores previsto para evitar a presenza de menores en locais consumindo alcohol ou tabaco. O edil de Seguridade Cidadá, Ángel Gutiérrez, facía fincapé amais en que se fará un control exhaustivo dos horarios de peche e do acceso dos menores aos locais. Explicaba que en breve será aprobada unha ordenanza que recollerá precisamente os horarios de peche. E por outra parte para facilitar as tarefas da Policía Local e Garda Civil cruzaranse os datos de número de licenzas, tipo de licenza e horario de peche dos distintos locais de ocio.

 

No mesmo ámbito incidirá o Plan de actuación sobre o consumo de drogas e substancias psicotrópicas en zonas de ocio, vías públicas e establecementos públicos. Nese caso as forzas de seguridade establecerán verificacións puntuais  para controlar estes espazos sobre todo de cara á época estival.

 

Nesta reunión da Mesa Local de Seguridade Cidadá analizouse tamén a seguridade vial no termo municipal, concluíndo que en Tui a seguridade é boa pero mellorable. O Xefe da Policía Local, José Ramírez, citaba a melloría experimentada na Avenida da Concordia tras a instalación dos pasos de peóns elevados, onde os  accidentes se reduciron nun 80%. Salientaba amais que tamén baixou a gravidade dos mesmos que agora rexistran feridos leves ou de prognóstico reservado ou danos materiais. Para seguir mellorando estudarán semaforizar distintos puntos.

 

O último punto tratado foi a elaboración dun Plan de Emerxencia Local que contemple coma debe ser a coordinación entre as distintas forzas de seguridade e emerxencias en caso de necesidade. Nese senso o alcalde explicaba que Tui é unha zona tranquila pero na que hai que ter en contra posibles fugas de gas, a EDAR de Guillarei, o tránsito aéreo cara ao aeroporto de Vigo, o tráfico ferroviario ou o río.

 

De agora en diante a Mesa Local de Seguridade reunirase de xeito periódico para analizar o seguimento destas cuestións e tratar outras novas que poidan xurdir, sobre todo encamiñadas a mellora da coordinación entre a Garda Civil e a Policía Local que redunde na mellora da seguridade cidadá.