Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A aula da UNED de Tui abrirá o luns 19 no seu horario habitual

17/02/2018
Aula da UNED de Tui

Un acordo entre o Concello e a UNED solucionou o problema da vacante do posto de conserxe do centro

O próximo luns, 19 de febreiro, volverá abrir no seu horario habitual – de luns a venres de 16 a 21h – a Aula da UNED de Tui logo acordo chegado nos últimos días entre o Concello e a UNED no referido á contratación dun conserxe para este centro. O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, indica que hai que felicitarse polo acordo chegado entre ambas institucións que contempla que a UNED contratará ao persoal preciso e o concello asumirá os gastos que conleve esta contratació laboral que pasará a depender da propia universidade. Deste xeito a aula tudense contará cun traballador sen relación laboral co concello, o que evitará as situacións de irregularidade que se viñan dando, o rexedor destacou que a relación entre Concello e UNED sae fortalecida cunha delimitación clara do papel de cada institución.

O Concello de Tui tal e coma viña facendo até o momento segue a asumir o mantemento do edificio e o custe do persoal pero deixándose de encargar da contratación do conserxe.

Deste xeito a aula tudense da UNED volverá abrir de luns a venres de 16 a 21h para acoller as titorías tanto do Grao en Psicoloxía que se imparte no centro coma dos cursos de acceso á universidade para maiores de 25 e de 45 anos.

A próxima semana está previsto tamén o comezo de novos cursos de Extensión Universitaria nos que pode participar calquera persoa interesada, sin requisitos mínimos de formación previa. O martes 20 comezará o curso “Lingua de signos.Nivel III”, o mércores 21 o de “Emprendedurismo e marketing dixital: trucos para potenciar a túa empresa en redes sociais” e “Ferramentas TIC (Tecnoloxía da Información e Comunicación) para uso educativo”, mentres o venres 23 iniciarase a “Escola de familias II. Unha conspiración educativa”.

En marzo o día 1 comezará o curso “Inglés III”, o 3 de abril “Adolescencia: Estratexias para a resiliencia e o autoconcepto”, o 14 de maio “Deixa de fabricar medos. Conquista o teu Equilibrio Emocional” e o 23 de maio “Iniciación á cata”.

A Aula da UNED en Tui comezou a funcionar no curso 2010/2011 ofrecendo inicialmente o curso de acceso á Universidade para maiores de 25 e 45 anos, e no curso 2012/2013 incorporou o grao en Psicoloxía.