Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Até o 19 de abril pódense presentar as solicitudes para participar na XXIII Feira de Artesanía de Tui

4/04/2019

Celebrarase o sábado 4 e o domingo 5 de maio na rúa Ordóñez e na praza de San Fernando

O Concello de Tui, a través da concellería de Comercio, vén de abrir o prazo de solicitude de participación na XXIII Feira de Artesanía de Tui que se vai celebrar o sábado 4 e o domingo 5 de maio. En concreto convócanse 50 postos de venda directa.

As persoas interesadas en participar deberá estar en posesión da Carta de Artesán, en caso de ser galegos, ou do carné equivalente, para os que veñan doutras comunidades.  Tamén poderán participar creadores, artistas pola súa vertente de creatividade e deseño, que teñan capacidade para exhibir e vender pezas suficientes e que a creación sexa autoría propia e a distribución sexa a pequena escala.

Para solicitar a participación débese presentar na casa do concello, até o venres 19 de abril, o impreso de solicitude, dispoñible na web tui.gal, xunto coas fotocopias do DNI e da Carta de Artesán ou equivalente, e demais documentación requirida, que se especifica nas bases de participación, e varias fotografías impresas do material a expor. A organización comunicará, antes do venres, 26 de abril, aos artesáns a súa aceptación de participación.

A XXIII Feira de Artesanía de Tui celebrarase o sábado 4 e o domingo 5 de maio, de 12 a 22 h na rúa Ordóñez e na Praza de San Fernando, co obxectivo de apoiar a promoción, difusión e comercialización do produto artesán,  así coma a dinamización do conxunto histórico, do Centro Comercial Aberto e da cidade de Tui no eido comercial, social e cultural.  Na feira participarán tamén a Asociación de Palilleiras do Baixo Miño e a Asociación de Bordado ao Aire.