Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ata o venres 10 de febreiro está aberto o prazo de inscrición de comparsas para o Entroido

5/02/2007

ATA O VENRES 10 ESTÁ ABERTA A INSCRICIÓN DE COMPARSAS DO ENTROIDO 2007

A Concellería de Cultura, Comercio, Turismo e Medios de Comunicación, do Concello de Tui vén de facer públicas as bases que rexerán no Desfile-Concurso de Entroido a celebrar o martes 20 de febreiro nun circuíto pechado polas rúas novas da cidade. A principal novidade con respecto a anteriores edicións está no aumento da contía económica dos accésit de participación paras comparsas tudenses co que se buscar potenciar a presenza de agrupacións locais.

O prazo de inscrición ábrese o xoves 1 de febreiro, podendo realizarse ate o 10 de febreiro no Departamento de Cultura ou no Rexistro de Entrada do Concello de Tui no impreso normalizado para tal fin, en horario de 10 a 13h. Establécese a participación dun máximo de vinte comparsas, por orde de inscrición, coa salvedade de que nunca unha comparsa de Tui quedaría fóra do desfile.

Neste concurso poderán participar comparsas integradas por un mínimo de vintecinco persoas disfrazadas, que poderán ir acompañadas de carroza, cun máximo de catro metros de altura, e de acompañamento musical, xulgándose nesta categoría que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais.

O xoves 15 de febreiro, ás 20h no salón de sesións da Casa do Concello, asignarase mediante sorteo público a orde en que desfilarán as comparsas, debendo asistir ao sorteo un representante, maior de idade, de cada comparsa

O Desfile-Concurso de Entroido celebrarase o martes de Entroido, 20 de febreiro, Festivo Local en Tui, dende ás 18 horas, nun circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. O xurado, integrado por un delegado das asociacións culturais de cada parroquia e do casco urbano de Tui, así coma por membros do Departamento de Cultura, será o responsable de outorga-los premios establecidos, tendo en conta coma méritos a calidade, orixinalidade, a dificultade de realización, e a acollida por parte do público. O xurado poderá amais declarar deserto un ou varios premios, así coma diminuír a contía dos accésits outorgados por participación.

A Concellería de Cultura vai repartir, neste Desfile-Concurso, máis de oito mil euros en premios e accésits. En comparsas establécense premios para as seis mellores. A gañadora recibirá 500 €, a segunda 400 €, a terceira terá un premio de 300 €, a cuarta, 200 €, a quinta 100 € . Na modalidade de Carrozas haberá catro premios de 400, 300, 200 e 100 € Por último os premios de Acompañamento Musical son de 300 €, 200 € e 100 €.

Amais establécense unha serie de accésits pola participación. As comparsas de Tui que vaian acompañadas de carroza recibirán 500 €, e no caso de non ter carroza 250 €. As comparsas doutros municipios recibirán por estar presentes no desfile 250 € no caso de ir acompañadas de carroza, e 125 € se carecen da mesma.

Nas bases deste Desfile-Concurso recóllese que para que os premios e os accésit sexan abonados as comparsas deberán acudir na súa totalidade, de rigoroso loito ao Enterro do Bacallao, a celebrar o domingo 25 de febreiro. O enterro partirá da Praza de San Fernando, ás 19.30 h, percorrendo ás rúas Seixas, Ordóñez e Paseo da Corredera, onde se fará unha parada no Cantón de Diómedes para ler as coplas, debéndose entregar previamente unha copia á organización, coa cara descuberta, por parte das comparsas que así o desexen. O percorrido do enterro continuará pola Praza da Inmaculada, Augusto González Besada, enlace travesía de Ourense e Aparcamento Municipal, onde se procederá á cerimonia do enterro mediante incineración.