Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ata o sábado 3 de febreiro está aberta a exposición de pintura de Orlando Pompeu

30/01/2007

ATA O SÁBADO ESTÁ ABERTA A EXPOSICIÓN DE PINTURA “RIO SEN MARGENS” DE ORLANDO POMPEU

Ata o vindeiro sábado 3 de febreiro a Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle a exposición do artista portugués Orlando Pompeu que baixo o título de “Río sen margens” realiza un amplo percorrido pola producción deste prestixioso artista portugués con trinta e nove obras.
O público que visita esta exposición queda sorprendido pola forza da cor e das composicións que Orlando Pompeu amosa nas súas obras, cheas dun cromatismo lírico que evidencia a calidade artística do autor. Unhas obras que, sen dúbida, respostan á vontade de Orlando Pompeu de tentar xerar afectos, dende o convencemento persoal de que a arte é “un elemento esencial para a humanización do propio home”.
Orlando Pompeu naceu en Cepaes, no concello de Fafe, perto de Braga, onde hoxe reside e onde está a piques de crearse a Fundación Pompeu para salvaguardar a obra deste artista. O pintor estudiou deseño e pintura no Instituto Parramón, de Barcelona. Posteriormente fixo un curso de pintura e escultura en Porto. No ano 1978 foise a Paris onde continuou os seus estudios e a súa pintura. Residiu en Nova Cork, Tokio e de novo Barcelona ata retornar definitivamente á su aterra natal.
Orlando Pompeu está, na actualidade, representado en coleccións particulares e públicas de Portugal, España, Francia, Inglaterra, Brasil, EEUU e Xapón.
A Concellería de Cultura do Concello de Tui, que dirixe Moisés Rodríguez Pérez, amosa a súa satisfacción polo éxito que está acadando esta exposición entre os visitantes que se achegan a Sala Municipal de Exposicións. Para o concelleiro tudense resulta unha satisfacción exhibir na nosa cidade esta mostra dun artista da calidade e recoñecemento internacional de Orlando Pompeu.