Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ata o sábado 29 celébrase o V Ciclo de concertos "Musica en el claustro" na Catedral tudense

27/08/2009

Celebrarase do 25 ao 29 de agosto

O V Ciclo de Concerto no claustro gótico da Catedral reúne música, pintura, escultura e arquitectura

Os concertos serán ás 21h. Haberá dúas masterclass, unha exposición e unha visita guiada

 

Luns, 17 de agosto de 2009. Do 25 ao 29 de agosto vaise celebrar o V Ciclo de Concertos no Claustro Gótico da S.I. Catedral de Tui. Trátase dun evento consolidado que aposta pola arte a través de varias manifestacións coma a música, a pintura, a escultura, e a arquitectura. Ao mesmo tempo é tamén escaparate para os músicos tudenses que comparten cartel con afamados intérpretes internacionais. Dúas son as principais novidades deste ano. Por unha parte a celebración de dúas Master Class unha de guitarra e outra de órgano, e por outra unha visita guiada ao conxunto catedralicio.

 

O Ciclo foi presentado esta mañá na sancristía da Catedral por Don Ricardo García, Director do evento, e Samuel Diz, Director Técnico, xunto ao Concelleiro de Cultura de Tui, Moisés Rodríguez.

 

Samuel Diz foi o responsable de explicar os pormenores deste ciclo de concertos indicando coma a súa filosofía é que os músicos tudense sexan o centro da programación , algo que acontece dende a primeira edición. Ao tempo, indicaba, que se fai unha aposta pola unión das artes dende a música, a pintura e a escultura coa exposición programada de Carmen Pernas titulada "Armonías", e a arquitectura coa visita guiada que se vai realizar ao triforio, á cuberta de pedra e á Torre de San Andrés o xoves día 27.

 

Pola súa parte Don Ricardo García destacou a "maxestuosidade e sonoridade" do Claustro da Catedral onde se vai celebrar o evento, amosando a Samuel Diz o seu agradecemento por ser a "alma mater, organizador e impulsor" deste certame.

 

Moisés Rodríguez quixo na súa intervención felicitar a Samuel Diz polo seu impresionante traballo neste festival xa consolidado, dicía. Tamén amosou o seu recoñecemento a Don Ricardo García que "sempre fixo unha aposta polos xoves". Ao tempo que lembraba que tamén este ano o seu departamento está dando cabida na programación de verán aos mozos e mozas tudenses con proxeccións coma o documental "Mulleres da raia" de Diana Gonçalves, a curtametraxe "Sueño Cumprido" de David Fernández e Gonzalo Font, o Festival de Bandas de Música, ou o Festival Tuytú, ou agora este ciclo de música.

 

Os concertos

 

Xa no que se refire aos concertos a inauguración, o martes 25, correrá a cargo do Quinteto Roseaux integrado por Guillermo Thomson, Isabel Lastres, Luz Torres, Oscar Souto e Vanesa González.  Do mesmo explicaba que Vanesa González é tudense  profesora no Conservatorio da cidade, mentres que Oscar Souto, a quen cualificaba coma un dos mellores trompistas galegos, está ligado á cidade onde realizou os seus estudos de grao medio. O Concerto que ofrecerán denomínase "Campos de España" agrupando obras de Manuel de Falla, Albéniz, Enrique Granados, Gerónimo Giménez, Boccherini, e Sorozábal, entre outros.

 

O mércores 26 será a quenda da guitarrista eslovena Sanja Plohl, cun longo e prestixioso currículo ofrecerá "Paisaxes Latinoamericanos" interpretando obras de compositores mexicanos, paraguaios, arxentinos e venezolanos. Coma preludio actuará o xove intérprete de frauta traveseira Néstor Sutil.

 

Este Ciclo de Concerto ofreceranos tamén a oportunidade de escoitar o órgano catedralicio cun dos mellores interpretes españois coma Andrés Cea. Actuará o xoves 27 ás 21h, neste caso no interior da Catedral, xa que empregará o órgano barroco do templo para ofrecer obras de Joan Cabanilles, Goerg Muffat e Johann Sebastian Bach.

 

Este ano apóstase de novo por reservar un día do programa para a coral gañadora do Concurso de Corais de Nadal organizado pola Catedral, polo que o venres 28 ás 21h será a quenda da Coral Polifónica de Entienza que ofrecerá unha selección de obras corais de carácter profano e relixioso.

 

Por último o concerto de clausura correra a cargo do trío formado por Alejando Szabo, Gabriel Silvera e Diogo Barreira que ofrecerán "Noche de Tango".

 

 

V Ciclo de Concerto no Claustro Gótico da S.I. Catedral de Tui

-          Concertos ás 21h

o       Martes 25

§         Quinteto Roseaux - "Campos de España"

o       Mércores 26

§         Néstor Sutil - "

§         Sanja Plohl - "Paisaxes latinoamericanos"

o       Xoves 27

§         Andres Cea - "Retablo Sonoro"

o       Venres 28

§         Coral Polifónica de Entienza 

o       Sábado 29

§         Diniz Szabo Silvera Tago - "Noche de tango"

o       Entrada gratuíta até completar o aforamento

 

-          Exposición de pintura e escultura de Carmen Pernas "Armonías"

o       Inauguración martes 25 ás 20.30h

o       Horario do mércores 26 ao sábado 29 dende ás 20.30h

 

-          Masterclass

o       "Técnica e interpretación e repertorio guitarrístico" a cargo de Sanja Plohl

§         Sala Capitular do Claustro

§         Do xoves 27 ao sábado 29

§         Matrícula 60€

§         Prazas: 10

 

o       "O órgano entre os séculos XVI e XVIII" por Andrés Cea

§         Órgano da S.I. Catedral

§         Venres 28

§         Matrícula 60€

§         Prazas: 4

 

-          Visita Guiada ao Conxunto Catedralicio

o       Xoves 27 ás 19.30h

o       Guiada por Suso Vila

o       Entrada libre até completar o aforamento