Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ata o martes 27 de febreiro continua aberta a exposición "Tintas galegas" adicada á obra serigráfica do tudense Álvaro Álvarez Blázquez

22/02/2007

ATA O VINDEIRO MARTES 27 DE FEBREIRO CONTINUA ABERTA A EXPOSICIÓN “TINTAS GALEGAS” DEDICADA Á OBRA SERIGRÁFICA DO TUDENSE ÁLVARO ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

Ata o vindeiro martes, 27 de febreiro podemos visitar na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui a exposición “Tintas galegas: sobre a `Serigrafía Gallega´ de Álvaro Álvarez Blázquez”, que recolle unha escolma da produción de serigrafía artística promovida, nos primeiros anos da década dos setenta do pasado século, polo tudense Álvaro Álvarez Blázquez.

Esta exposición está sendo visitada por numerosos interesados en coñecer, ou lembrar, esta colección que supuxo, no seu momento, un fito na difusión da arte galega e que amosou a capacidade de creación e innovación que posuía Álvaro Álvarez Blázquez.

Para a Concellería de Cultura do Concello de Tui, que dirixe Moisés Rodríguez Pérez, a presenza desta colección de serigrafías na nosa cidade serve para renderlle unha lembranza, de homenaxe e admiración, á figura deste tudense egrexio que tanto pulou pola cultura de Galicia. O concelleiro Rodríguez Pérez anima aos veciños que aínda non contemplaron esta exposición a achegarse para disfrutar dunha escolma da mellor arte contemporánea de Galicia. Con esta exposición a Concellería de Cultura continúa ofertando unha programación de alta calidade aos veciños de Tui.

Álvaro Álvarez Blázquez (Tui 1921 – Vigo 2005), fillo do médico Dario Álvarez Limeses (fusilado nos inicios da Guerra Civil), trasladouse a Vigo moi novo, onde dende 1944 traballou como funcionario no Instituto Social da Mariña e, coma os seus irmáns Xosé María, Dario, Emilio e Alfonso, promoveu e participou en numerosas iniciativas culturais na cidade olívica. Unha delas foi cando montou un obradoiro profesional de serigrafía industrial chamado “Serigrafía Gallega”. Amais dos traballos “comerciais” foi simultaneando a impresión de carteis para festas, etc.
A mediados dos anos sesenta Álvaro fai amistade co pintor Virxilio nacendo de aí a colección “SEGA”, a colección de serigrafías de arte que encetan a súa andaina en 1971. Virxilio, Luis Seoane, María Antonio Dans, Laxeiro, Agustín Pérez Bellas e ata 25 pintoras e pintores galegos sumáronse a esta iniciativa.

“O labor de promoción e popularización da pintura galega realizada por “Sega” – sinala o editor Manuel Bragado- foi valorada de forma unánime e entusiasta polas personalidades da cultura galega do seu tempo. Un labor, pois, a realizada por “Serigrafía Gallega” de promoción e popularización dos nosos pintores que permitiu nos difíciles anos do Tardofranquismo rachar a invisibilidade na que ata entón case se mantiña a nosa plástica. O recoñecemento (…) desta proeza realizada por Álvaro Álvarez Blázquez supón un xusto exercicio de memoria e autoestima para toda a comunidade artística galega”.