Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ata finais deste mes pódense seguir solicitando os bonos de compra Activa Tui

5/04/2021

As persoas interesadas, de Tui ou de calquera concello, poden tramitar a solicitude en activa.tui.gal 

O 30 de abril remata o prazo para solicitar e consumir os preto de 1.600 bonos “Activa Tui” aínda dispoñibles da campaña posta en marcha polo Concello de Tui.  

O Concello de Tui destina a este fin 50.000 euros distribuídos en 5.000 bonos de consumo de 10 euros para canxear en compras superiores a 25 euros nos 67 establecementos participantes. As persoas de Tui, ou de calquera outro concello, maiores de 16 anos, poden solicitar até dous bonos en activa.tui.gal.

Os bonos intégranse dentro do Plan de Reactivación económica do Concello de Tui e están concibidos como unha medida extraordinaria para axudar ao tecido empresarial a paliar os efectos económicos negativos derivados da pandemia da COVID-19 nas microempresas e persoas traballadoras autónomas do termo municipal. Para promocionar a participación dun gran número de establecemento pódese consumir 100 bonos como máximo en cada un deles. Adheríronse 67 establecementos de todos os ámbitos, incluído o comercio a hostalería. Tamén participan perruquerías, centros de beleza, ferraxerías, tendas de deporte ou hoteis, entre moitos outros. 

Segundo explicou a concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, a campaña está tendo moi boa acollida entre o tecido comercial, hostaleiro e de restauración tudense, tamén entre os consumidores. Sinalaba amais que algúns dos establecementos xa chegaron ao máximo de 100 bonos que se poden canxear por local.

Resta só o mes de abril para solicitar e consumir as 2000 tarxetas desconto restantes que se poden solicitar a través do formulario habilitado en activa.tui.gal, enderezo onde tamén se pode consultar a lista de establecementos adheridos e os teléfonos de información.