Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Asociación Tui-Salceda de Bos Aires e Manuel e María Teresa Vázquez de la Cruz son os Premios Cidade de Tui 2025

8/04/2025

A entrega dos galardóns terá lugar o sábado, 19 de abril, ás 18.30 h no Teatro Municipal de Tui

O Concello de Tui outorgará os Premios Cidade de Tui 2025 á Sociedad Tuy Salceda. Asociación Mutual, Cultural y Recreativa” de Bos Aires, na categoría colectiva, e a Manuel e María Teresa Vázquez de la Cruz, na individual de forma ex aequo.

O acto de entrega terá lugar o próximo sábado, 19 de abril, ás 18.30 h no Teatro Municipal no primeiro día das Festas de San Telmo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta que o premio á Asociación Tuy-Salceda recoñece unha vella débeda de gratitude das e dos tudenses a este colectivo. Dende 1917 traballan, na capital arxentina, na axuda mutua e na promoción da cultura galega, cunha gran dedicación. Ao longo dos anos a inicial “Casa Tui” sumou ás agrupación de Salceda e outras localidades galegas conformando na actualidade un dos principais grupos da colectividade galega en Arxentina.

Por outra parte o rexedor tudense sinala dos irmáns Manuel e María Teresa Vázquez de la Cruz  a súa destacada traxectoria profesional pero sobre todo a súa gran dedicación á promoción da nosa cidade que suscita a estima dos tudenses.

Amais neste evento entregarase un recoñecemento de forma póstuma a Javier Añoveros Trias de Bes, Javier Sánchez de Dios, e Xosé Martínez Tato.

Os Premios Cidade de Tui foron creados polo Concello en 2021 para recoñecer anualmente o labor daquelas persoas e entidades que teñan realizado unha achega de carácter exemplar á vida local ou teñen contribuído coa súa traxectoria á promoción de Tui.

Nestes anos foron recoñecidos no eido colectivo a Residencia San Telmo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados,  SOS Tomiño – Baixo Miño, a Radio Municipal de Tui e á Asociación de Amigos da Catedral de Tui. A nivel individual foron entregados a Silverio Rivas, Alberto Romero “Romer”, Juan Carlos García-Valdecasas Salgado e Susana Esteban.

 “Asociación Tuy Salceda” de Bos Aires.

A “Casa Tuy, Asociación mutual, cultural e recreativa” foi fundada o 20 de maio de 1917 na cidade de Bos Aires, presidida por José San Martín Fernández, coa finalidade de axudar aos tudenses alí residentes e ser, ao tempo, o seu lugar de encontro. En 1954 adquiriu a súa actual sede na rúa Maza 457.

En xaneiro de 1976 a “Casa Tuy” e o “Centro del Distrito de Salceda” acordaron fusionarse dando orixe a actual “” con sede na capital arxentina.

Esta Sociedade foi de sempre a depositaria da cultura e a historia de Tui e Salceda como canle para afondar nos lazos de amizade entre os seus asociados e descendentes, para elo promoveron e seguen promovendo diversas actividades sociais arredor dos eventos de carácter local: as festas de San Telmo, patrón de Tui, de San Xoán, patrón de Galicia en Bos Aires, a Virxe da Concepción de Salceda, a Virxe da Rocha de Caldelas así como o aniversarios e diversos almorzos campestres ao longo do ano. Tamén este colectivo destacou, ao longo da súa traxectoria, por axudar a todos os emigrantes deste territorio que o precisaron.

O 9 de xuño de 1984 incorporouse a esta Sociedade a “Asociación de Caldelas de Tui” (fundada en 1922) e no ano 1987 integrouse a “Asociación Galicia en Bos Aires” -resultado da fusión previa das sociedades de Chantada, Becerreá e Carral-, que se integra con todo o seu patrimonio social e material, incluído o campo recreativo de San Isidro. “Tuy Salceda” ten realizado unha intensa actividade social e cultural a través do seu grupo de baile e a súa escola de gaitas e numerosas outras iniciativas.

A institución, que conta con 400 socios, hoxe que a inmigración está só en libros de historia e o recordo de socios lonxevos, en “Tuy Salceda”, resalta o presidente da Sociedade Horacio Saltarelli, búscase “compartir o legado galego coas novas xeracións para que sintan como propia esta cultura, máis aló da súa orixe”.

A “Sociedad Tuy Salceda” logo de máis de cen anos de vida continua sendo unha referencia obrigada para os tudenses e os galegos da Arxentina, conservando a memoria da emigración da nosa comarca naquelas terras, mantendo viva a ligazón con Galicia e os nosos concellos e segue contribuíndo, na medida das súas posibilidades, á creación dunha comunidade tudense.

Manuel e María Teresa Vázquez de la Cruz

Manuel Vázquez de la Cruz (1936) discorre a súa infancia entre o barrio de San Bartolomeu e Ribadelouro, lugares aos que segue sentindo como propios. Inicia os seus estudios no Seminario e logo os continúa no Instituto Laboral de Tui. Cursa os estudos de Perito e logo Enxeñeiro Técnico Agrícola en Madrid, dedicándose profesionalmente ao mundo da agricultura.  Comeza o seu percurso laboral na empresa SA Cros, traballando posteriormente noutras empresas e tamén para a FAO. O seu traballo profesional céntrase no campo, especializándose en temas como o kiwi, aguacates, fertirrigación, etc.

Ten colaborado en numerosos medios de comunicación sobre temas profesionais pero tamén, especialmente, sobre temática tudense. El Pueblo Gallego, La Noche, El País e moi especialmente no Faro de Vigo no que colaborou máis de trinta nos.

Fundador do colectivo “Levada Livre” que dedica especial atención á recuperación da memoria histórica local e que ten promovido iniciativas como a recolocación da estatura de Sócrates ou a intervención na “Volta da Moura”. Ten participado en innumerables iniciativas vinculadas á cidade de Tui, como por exemplo, a Feira Agrícola e Industrial nos anos noventa do pasado século. O seu contaxioso entusiasmo por esta cidade leva que sexa unha personalidade estimada polos veciños de Tui.

María Teresa Vázquez de la Cruz (1934). Estudou na nosa cidade, no Colexio da Milagrosa, e logo Dereito, primeiro por libre e despois na Universidade de Santiago de Compostela con excelentes cualificacións. Completou a súa formación coa especialización en urbanismo na administración local, cun traballo sobre a relación do rural e urbano que tiña a Tui como referencia. Desenvolveu toda a súa vida laboral no Concello de Vigo, onde entrou por oposición aos 23 anos, ocupando diversos departamento, sendo xefa da sección de urbanismo ata chegar á xefatura asesoría xurídica, onde se xubilou. Foi a promotora da asociación “Diálogos 90” que pula dende hai 35 anos polo recoñecemento e valorización das mulleres a través do premio “Galegas destacadas” - que se entrega na conmemoración da morte de Concepción Arenal - sendo unha das primeiras apostas de carácter feminista en Galicia. Sempre mantivo viva a súa relación con Tui, cidade que sinala como imprescindible na súa personalidade.