Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Artesacía presenta mañá venres ás 21h no Teatro Municipal de Tui “Balor na acción dunha cadeira”

5/05/2016


A emigración tanto no século XX coma na actualidade é  o tema que aborda o documental escénico “Balor na acción dunha cadeira” que mañá venres, 6 de maio, ás 21h representa Artesacía no Teatro Municipal de Tui.


A obra está dirixida por Roi Fernández, que tamén forma parte do elenco xunto á tudense Laura Villaverde, e Simón Piñón. ArtesaCía recupera, nun proceso multidisciplinar, o pensamento de Jose Antonio Alonso Lourido, O Pernas, que emigrou de Sada a Nova Iorque.


ArtesaCía naceu entre Galicia e Nova Iorque da man de Roi Fernández e Laura Villaverde, ambos cun amplo currículo no marco escénico e artístico. Destaca así o traballo continuo de Laura Villaverde nos workshops da SITI Company de Nova Iorque baixo a dirección de Anne Bogart. Roi Fernández, pola súa parte, ten unha extensa bagaxe na performance, teatro experimental e creación audiovisual, con traballos para o Centro Dramático Galego, e  especializouse en Dirección Cinematográfica na City College de Nova Iorque.


As entradas para esta representación están á venda en www.culturatui.info ata mañá venres ás 12h e mañá venres dende ás 19.30h no despacho de billetes ao prezo de 6€ e 4,5€.