Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Artesacía estreará o seu espectáculo “Chola a it girl” no Teatro Municipal de Tui

11/10/2017

Esta mañá na sala de reunión da casa do concello de Tui tivo lugar por parte da Compañía Artesacía a presentación de “Chola a it girl”, espectáculo que se estrea o vindeiro 20 de outubro no Teatro Municipal como parte da programación de Outono no Teatro.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, María José González, foron os encargados de acompañar neste acto a Laura Villaverde, artífice deste proxecto que engloba moito máis que teatro.

Tanto Enrique Cabaleiro como María José González coincidiron en resaltar o importante que supón contar con estreas no Teatro de Tui e, sobre todo, en que é un orgullo cando se trata de artistas locais coma Laura Villaverde, natural da parroquia de Guillarei.

Laura Villaverde é o 50% de ArtesaCía e a autora, directora e intérprete dun espectáculo que se presenta arroupado por un blog, unha canle de Youtube e incluso unha liña de moda. O outro 50% represéntao Roi Fernández, responsable da parte audiovisual do proxecto.

Na presentación desta mañá Laura Villaverde introduciu “Chola a it girl” como parte do proxecto cultural “Chola e Lola”. Neste espectáculo teatral a protagonista explica o xeito de converterse nunha “It girl rectificada” en 10 sinxelos pasos coa finalidade de darlle repercusión ás vidas imperfectas das mulleres do rural.