Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As artes de rúa conquistan a Eurocidade Tui-Valença esta fin de semana

20/07/2021

Dende o venres ao domingo haberá 24 espectáculos nas rúas e prazas dos dous municipios. Celébrase o I Festival Internaconal de Artes de Rúa da Eurocidade Tui-Valença

As artes de rúa conquistan esta fin de semana a Eurocidade Tui-Valença coa primeira edición do Festival Internacional de Artes de Rúa da Eurocidade Tui-Valença. Dende este venres, 23 de xullo, ao domingo 25 de xullo, haberá un total de 24 espectáculos para público familiar no Jardim Municipal, no Jardim das Amoreiras e no Governo Miitar en Valença e na praza do Concello, o Paseo da Corredoira e o Paseo Fluvial de Tui.

A presentación deste festival tivo lugar a primeira hora desta tarde na Pousa de San Teotonio en Valença polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara de Valença, Manuel Lopes, a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, e o vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmou que “este festival é o xerme de algo que se vai converter en moi importante nos próximos anos” engadindo que “vai marcar un antes e un despois no que é a produción de eventos na Eurocidade” e que definirá a futura axenda compartida entre os dous municipios. Salientou unha vez máis Enrique Cabaleiro o singular e único da programación conxunta de Tui e Valença.  

Concluía o rexedor tudense destacando que “van ser tres días moi intensos de actividades na rúa, encamiñados a seguir promocionando a cultura en diversos ámbitos, e que tamén vai servir para pór en valor o rico e extenso patrimonio das dúas cidades, e vai atraer ás nosas localidades a moitas persoas o que vai ser positivo para o tecido comercial e de servizo de Valença e de Tui”.

Mentres o presidente da Cámara de Valença, Manuel Lopes, salientou a estreita vinculación entre os dous municipio afirmando que “non somos quen de nos identificar sen a nosa veciña de Tui, e viceversa”. Sinalou que esa unión foi a que propiciou este desafío de levar adiante un festival de rúa para público familiar e accesible.  Un evento que “vai aportar vivacidade aos noso comercio, industria e hostalería”.

Todos coincidiron en amosar o seu agradecemento o equipo que fixo posible levar adiante este evento.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, amosouse orgulllosa do traballo realizado nun festival pensando para as familias do que dicía “é o primeiro cativo da Eurocidade, estamos moi orgullosos”. Amosou o seu convencemento na boa acollida  que terá esta innovadora proposta.

O vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira, destacou que este será un dos festivais que marcarán este verán cun novo formato, con interacción con público e ao aire libre.  Será dicía “un programa mixto no que a arte e a cultura percorrerán as dúas cidades” dirixido a público familiar.

O I Festival Internacional de Artes de Rúa está organizado conxuntamente pola Cámara Municipal de Valença e o Concello de Tui estando subvencionado polo programa UNICIDADE Interreg España-Portugal.

A Eurocidade acollerá dende o venres 23 ao domingo 25 quince espectáculos e 24 funcións con aforo limitado e para as que será preciso facer reserva previa de entrada, de forma gratuíta, en www.tui.gal ou en www.visitvalenca.com dende mañá mércores ás 12 h.

Teatro, música, maxia, malabares, clown, … serán algunhas disciplinas das que o público poderá gozar na fin de semana na Eurocidade con A Gramola Gominola, Antón Coucheiro, Artenio Baruffi, BrassDass, Circo Chosco, Clown Enano, Comédias do Mimho, Daniel Gonçalves, Farra Fanfarra, Fredi&Cia, Mamá Cabra, O Pulpiño Viascón, Pajarito, Pedaçao Mau e Troula Animación.

Programación

Venres, 23 de xullo

  • Ás 15.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença Antón Coucheiro presenta “Sonámbulo”.  Aforo 60 persoas.
  • Ás 16.30 h no Largo do Governo Militar en Valença Arsenio Baruffi. Aforo 50 persoas
  • Ás 17.30 h en Valença espectáculo itinerante Farra Fanfarra
  • Ás 18.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença Fredi&Cia presenta “Circanelo”. Aforo 60 persoas.
  • Ás 20.30 h no Paseo da Corredoira Antón Coucheiro presenta “Sonámbulo”.  Aforo 120 persoas.
  • Ás 21.30 h no Paseo da Corredoira Farra Fanfarra. Aforo 120 persoas.
  • Ás 22.00 h no Paseo Fluvial Mamá Cabra presenta “A fraga do meu avó”. Aforo 240 persoas.
  • Ás 23.00 h no Paseo da Corredoira Arsenio Barafuti. Aforo 120 persoas.

Sábado, 24 de xullo

  • Ás 15.30 h en Valença espectáculo itinerante O Pulpiño Viascón con “Musicleta”
  • Ás 16.30 h na Praza do Concello Fredi&Cia con “Circanelo”. Aforo 60 persoas
  • Ás 17.30 h en Valença espectáculo itinerante BrassDass
  • Ás 18.30 h no Paseo da Corredoira en Tui O Pulpiño Viascón con “Musicleta”. Aforo 120 persoas.
  • Ás 20.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença Comedias do Minho con “Fim de tarde” Aforo 60 persoas.
  • Ás 21.30 h no Paseo da Corredoira espectáculo itinerante BrassDass.
  • Ás 22.00 h no Jardim Municipal de Valença Pedaço Mau en concerto. Aforo 200 persoas.
  • Ás 23.00 h no Paseo Fluvial A Gramola Gominola con “Bravas. O Rexurdir da Luz”. Aforo 240 persoas.

Domingo, 25 de xullo

  • Ás 15.30 h no Largo do Governo Militar en Valença Pajarito con “A Vida Tola de Pajarito”. Aforo 50 persoas
  • Ás 16.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença Troula Animación con “O estraño caso do dentista da rúa Brasova”. Aforo 60 persoas.
  • Ás 17.30 h no Largo do Governo Militar en Valença Daniel Gonçalves con “Heaven”. Aforo 50 persoas.
  • Ás 18.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença Clown Enano. Aforo 60 persoas.
  • Ás 20.30 h no Paseo da Corredoira Circo Chosco con “Forzu2”. Aforo 120 persoas.
  • Ás 21.30 h na Praza do Concello Pajarito con “A Vida Tola de Pajarito”. Aforo 60 persoas.
  • Ás 22.00 h no Paseo da Corredoira Troula Animación con “O estraño caso do dentista da rúa Brasova”.  Aforo 120 persoas.
  • Ás 23.00 h no Paseo da Corredoira Clown Enano. Aforo 120 persoas.