Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

"Arte con lapis" de Belén Fernandez Guisande e "Maquila boutique" novas exposicións na Sala Municipal de Exposicións de Tui

1/02/2010
A SALA MUNICIPAL DE EXPOSICIÓN ACOLLE MAÑÁ MARTES A INAUGURACIÓN DE DÚAS EXPOSICIÓNS: "ARTE CON LAPIS" E "MAQUILA BOUTIQUE"

 

A Concellería de Cultura do Concello de Tui continua co seu labor de dinamización da Sala Municipal de Exposicións (ubicada no Edificio Área Panorámica) e mañá martes 2 de febreiro procederase á inauguración de senllas exposicións temporais.

Por unha parte, abre unha mostra de debuxos da nova creadora tudense Belén Fernández Guisande que baixo o título de "Arte con lapis" recolle unha escolma da su producción coma debuxante tudense que inicia con esta mostra a súa andaina expositiva. Para o concelleiro tudense Moisés Rodríguez Pérez con esta nova exposición patentízase o compromiso desta concelleria de cultura pola difusión e promoción dos novos valores locais que atopan nesta Sala Municipal de Exposicións un lugar aberto para amosar o seu traballo creativo.

Por outra banda, no Anexo da Sala Municipal de Exposicións abre tamén ao público a exposición "Maquila boutique" organizada pola ONG "Implicadas/os no desenvolvemento". Maquila Boutique é unha exposición de artistas plásticas na que se denuncia a explotación na industria téxtil e se presentan posibles alternativas a esta explotación.

Maquila Boutique é unha instalación a modo de tenda de roupa na que se expoñen 15 pezas creadas a partir de roupa usada  de compañías sobre as que existen informes de explotación laboral nos países do Sur. Xunto coas pezas exporanse paneis con información sobre a explotación na industria téxtil e alternativas, entre elas o microcrédito, como fonte de xeración de ingresos. Nos paneis inclúense estudos de caso que contan a situación de traballadoras da industria téxtil e as beneficiarias dos grupos de aforro que apoia IND na India e Etiopía. Á parte dos paneis informativos, na exposición tamén hai 3 paneis con poemas do libro Moda Galega, de María Reimóndez (Edicións Positivas, 2002). A exposición Maquila Boutique está coordinada pola artista galega Mar Caldas e Andrea Abreu, voluntaria de IND. As artistas participantes na exposición son: Almudena Fernández Fariña, Andrea Costas, Berta Cáccamo, Carme Nogueira, Carmen Suárez,  Itziar Ezquieta,  Mar Caldas, Las Pingüinas (Natalia Umpiérrez e Sara García), Renata Otero e Rosalía Pazo Maside.