Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Armando Toledo e Beatriz Betancourt ofrecen un concerto en Tui, o domingo 10 ás 20 h. no Claustro da Catedral

7/09/2006

Armando Toledo e Beatriz Betancourt ofrecen un concerto en Tui
Será o domingo ás 20h no Claustro da Catedral

O Claustro de Catedral de Tui acolle este domingo, ás 20h, un concerto de violín e piano a cargo de Armando Toledo e Beatriz Betancourt. A organización deste evento cultural corresponde á Concellería de Cultura do Concello de Tui que conta coa colaboración do Cabildo Catedralicio, a Asociación Amigos da Catedral e a Galería de Arte “Trisquel e Medulio”.

Armando Toledo, ao violín, e Beatriz Betancourt, ao piano, ofrecerán unha velada musical dividida en dúas partes. Na primeira interpretarán o “Concerto en re Maior Op. 61” de L.V. Beethoven, e a “Sonata en re menor Op. 108” de J. Brahms. A segunda parte abrirase coa “Sonata de Siena” de A. García Abril, para rematar con “Introducción e Rondó Caprichoso” de C. Saint Saëns.

A pianista Beatriz Betancourt estudou en Cuba baixo a dirección de María Antonia Lamas e Vladimir Kusmenko. Ten no seu haber varios premios de Concursos Nacionais e ten actuado coma solistas en recitais e con orquestras sinfónicas. Ten acompañado en recitais a numerosos solistas tanto en Cuba coma en España, onde está a realizar unha serie de concertos xunto a Armando Toledo.

Armando Toledo Aribú é un xove violista hispano-cubano que se introduciu na práctica deste instrumento co seu pai, Armando Toledo Cisnéros. Perfeccionou os seus coñecementos con destacados profesores coma Igor Frolov, Rosa Fain, Jaquelin Ross, Marina Kesselmann e Yuri Volguin. No ano 1991 foi galardoado co primeiro premio no Concurso de Estudantes de Violín en La Habana. En 2002 recibiu o diploma de Alta Recomendación no Certame do Curso Internacional de Verán da North London Music Scholl.

Foi seleccionado para formar parte da Orquestra Mundial de Xuventudes Musicais, con quen realizou unha xira por España, China, Austria e Holanda, con quen amais foi convidado para realizar as xiras da temporada 2006/2007 e a gravación dun disco. Armando Toledo tamén foi escollido para integrar o Cuarteto de Cordas da Orquestra Mundial.

Na actualidade este violinista realiza estudos superiores no Conservatorio de Viena, e recibiu unha beca da Fundación Caixa Galicia para realizar os estudos de post-grao na Universidade das Artes de Viena.

Concerto de violín e piano a cargo de Armando Toledo e Beatriz Betancourt
Data: Domingo 10 de setembro ás 20h
Lugar: Claustro da S.I. Catedral
Organiza: Concellería de Cultural do Concello de Tui
Colabora: Cabildo da S.I. Catedral, Asociación Amigos da Catedral e Galería de Arte “Trisquel e Medulio”