Aprobado por unanimidade o I Plan Municipal de Infancia e Adolescencia do Concello de Tui
Este documento é un paso clave no camiño para acadar o selo de Cidade Amiga da Infancia, promovido por UNICEF
O I Plan Municipal de Infancia e Adolescencia do Concello de Tui foi aprobado por unanimidade no pleno ordinario do mes de maio. Trátase dun documento estratéxico que marca as liñas de actuación para garantir o benestar, a protección e a participación activa das nenas, nenos e adolescentes tudenses.
Este plan, elaborado en colaboración con diferentes áreas municipais, entidades sociais, familias e o propio colectivo infantil e xuvenil, recolle medidas concretas para promover os dereitos da infancia e fomentar unha cidade máis amable e inclusiva para as persoas máis novas.
A aprobación por unanimidade supón un claro compromiso de toda a corporación co recoñecemento da infancia como suxeito de dereitos, e con avanzar cara a un modelo de gobernanza máis participativo e respectuoso coas necesidades da mocidade.
Desde o Concello de Tui agradecen a implicación de todas as persoas e colectivos que participaron no proceso e salientan que este plan é un paso clave no camiño para acadar o selo de Cidade Amiga da Infancia, promovido por UNICEF.