Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Aprobada a modificación da ordenanza de emerxencia social para poder ingresar en conta a axuda para compra de alimentos

17/04/2020

Saiu adiante un expediente de créditos de 730.000 que permitirá pagar ás empresas e provedores

O Grupo de Goberno informa das decisión tomadas no pleno extraordinario celebrado no día de onte, un pleno esencialmente de contido económico que tiña como fin fundamental a reordenación da xustificación das axudas aos afectados pola explosión do barrio da Torre de Paramos, a modificación da Ordenanza de Emerxencia Social, o pago da débeda a provedores e a aprobación da sinatura do Convenio coa Confederación Hidrográfica Miño - Sil para a execución da pasarela sobre o Río Louro.

En primeiro lugar aprobouse a reordenación da xustificación das axudas concedidas con cargo ao fondo de emerxencia municipal aos afectados pola explosión do barrio da Torre de Paramos, fundamentalmente aos que tiñan a súa residencia na denominada zona cero, a fin de que os afectados poidan xustificar as obras durante as anualidades 2020 e 2021 e poder recibir anticipos a conta e facilitar así as xustificacións.

Acordouse tamén a aprobación da sinatura do convenio coa Confederación Hidrográfica Miño Sil para poder executar a obra da pasarela sobre o Río Louro, reservando crédito ao efecto por valor de 73.000 euros, o que supón o 30% do investimento, que aportará o Concello, achegando a Confederación 161.000 euros, o 70% da totalidade do importe da obra. Votaron a favor deste convenio os Grupos Municipais de Goberno así coma o BNG e Converxencia 21 e votou en contra o concelleiro de Ciudadanos Manuel González, constando como ausentes os concelleiros do Partido Popular.

Aprobouse asemade o expediente de recoñecemento de débeda por importe de 730.000 euros, facturas que van dende o mes de outubro do 2019 ao mes de marzo de 2020, o que permitirá pagar ás empresas e provedores, moitas delas de Tui ou que empregan a persoas de Tui, de aí a necesidade e a urxencia de acometer a aprobación da citada débeda. O recoñecemento aprobouse cos votos favorables do Grupo de Goberno e a abstención do BNG e Converxencia 21 e o voto en contra do Grupo Municipal de Ciudadanos.

Finalmente procedeuse á aprobación da modificación da Ordenanza municipal reguladora do procedemento de concesión de prestacións de carácter económico para situacións de emerxencia social, que se destina a compra de alimentos para as familias que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade. Ata o de agora o concello repartía os alimentos ás familias, o que na situación actual dificulta ese reparto, dunha banda polo incremento de usuarios deste servizo e doutra polas precaucións a tomar para evitar contaxios e evitar así o desprazamento a domicilios. A partir da reforma o Concello poderá ingresar directamente na conta dos afectados a cantidade necesaria para a compra non só de alimentos senón tamén de produtos de primeira necesidade. Este punto foi aprobado cos votos favorables de todos os grupos municipais presentes, excepto o Partido Popular que se ausentou da sesión plenaria.

O Grupo de Goberno Municipal quere manifestar asemade a súa gratitude aos Grupos Municipais de Ciudadanos, BNG e Converxencia 21 pola dispoñibilidade dos mesmos á celebración deste pleno, aínda tendo en conta as extraordinarias circunstancias que estamos a vivir. Lamenta a postura do Partido Popular por ausentarse do Pleno nunha mostra de deslealdade ao resto de Grupos Municipais, así coma unha decisión difícil de entender toda vez que dende o inicio do Estado de Alarma se está tendo unha comunicación fluída co conxunto dos Grupos Municipais, e que así seguirá a ser.