Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Antón Corral, figura clave na música tradicional, será homenaxeado este venres en Tui

24/01/2018
Fina Fernández, Carlos Vázquez Padín e Suso Corral na presentación da Gala Homenaxe

Será este venres ás 20.30h e contará coa participación de Carlos Núñez, Anxo Lorenzo, Anxo Pintos entre outros

O Teatro Municipal de Tui acollerá este venres, 26 de xaneiro, ás 20.30h unha gala homenaxe ao mestre Antón Corral, figura clave da música tradicional galega, organizada polo Concello. Este evento foi presentado esta mañá, na casa do concello, por parte do alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o fillo de Antón Corral, Suso Corral, e a autora da biografía de Antón Corral, Fina Fernández.

Durante dúas horas o evento brindará unha homenaxe ao mestre Antón Corral coa participación dalgúns alumnos seus coma  Carlos Núñez, Anxo Lorenzo, ou Anxo Pintos, xunto a formacións vinculadas ao mestre coma a banda de gaitas Xarabal de Vigo, ou os grupos tudenses Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei e Santa Columba de Ribadelouro.  O fío condutor da gala serán unha serie de elementos que irán aparecendo no escenario a través dos cales se contará a historia deste músico afincado en Tui dende 2008.  O propio Antón Corral intervirá nesta gala, na que non faltarán sorpresas, e que promete ser un evento único e irrepetible.

As entradas poderán retirarse de balde dende ás 20h no despacho de billetes da Área Panorámica, cun máximo de dúas por persoa, até esgotar as localidades dispoñibles.

Esta mañá na presentación o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, sinalou que o deste venres será un evento irrepetible dedicado a unha figura excepcional coma é Antón Corral, mestre da mellor xeración de gaiteiros da historia de Galicia.  Apuntou que para Tui é un activo que Antón Corral viva na cidade, polo que esta homenaxe é un xeito de agradecer a achega que fai a Tui. Amosou amais o seu convencemento de que o Teatro quedará pequeno para acoller a todos os que desexen compartir esta homenaxe que terá un gran compoñente emocional.

Suso Corral, fillo de Antón Corral, agradeceu esta homenaxe que vai recibir o seu pai, sinlando o feito de que el poderá disfrutar da mesma, aínda que recoñecía que até o venres lle limitan o acceso á información para non desvelar as sorpresas previstas.

Fina Fernández, autora de “Antón Corral. A alborada dun soño” fixo fincapé que esta gala é unha homenaxe pola traxectoria e o que representa Antón Corral na música tradicional. Ao tempo avanzou que haberá momentos únicos coma o intre no que o propio Antón Corral xunto a Carlos Núñez interpretará unha peza no organistro que construíu no ano 87, e que é foi segundo que saíu das súas mans tomando coma modelo o que figuraba na Catedral de Santiago.

Antón Corral

Gala Homenaxe a Antón CorralAntón Corral naceu na Coruña en 1936, tomando  contacto coa música dende moi novo. Os seus dotes musicais permítenlle ingresar como educando na Banda de Infantería de Santiago, onde perfecciona a técnica de instrumentos como o clarinete, óboe, saxo tenor ou gaita. En 1957 volve a Lugo, dá clases de gaita en diferentes asociacións e forma parte de grupos como Os Montes ou Os Modernos. En 1959 casa con Isaura Fernández e adoita o traballo de viaxante comercial ata que uns problemas de saúde o conducen a optar por seguir unha ilusión que levaba tempo tentándoo, e era a de converterse en construtor de gaitas. Iníciase de xeito autodidacta en 1973 nun taller no baixo da súa vivenda pero pronto as súas destrezas fano ser artesán da Deputación de Lugo, lugar emblemático onde traballaran Faustino Santalices e Paulino Pérez e onde investiga sobre instrumentos como a zanfona e a gaita. En 1979, xa en Ortigueira, forma parte do proxecto do “septimino”, dirixe a escola de instrumentos tradicionais  e crea o seu primeiro grupo didáctico, mais a falta de apoio institucional fai que fracase aquel gran proxecto. En 1981, de volta en Lugo, rexenta o taller “Soutelo de Montes”. E durante unha mostra, dentro das actividades culturais que organiza en 1982 para divulgar os instrumentos tradicionais, lévano a Vigo, onde a súa obra esperta grande interese. En 1983 xa é o guía da escola de instrumentos tradicionais da UP en Vigo. Alí xeraríase toda unha estirpe de músicos e artesáns do talle de Carlos Núñez, Xosé Manuel Budiño, Anxo Pintos ou Oli Xiraldez, Miguel Mosquera, Xosé Manuel Gil, entre outros moitos, que daría lugar a unha vasta proliferación da música e da construción artesá. Dende o 2008 reside en Tui, onde formou ao seu neto Ramón Corral Fernández, actual artesán do Obradoiro Antón Corral, e creou un novo grupo didáctico a imaxe dos anteriores.