Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ana Alonso de Cabuxa representará a Tui este venres no III Foro da Muller Rural

18/10/2023

O Encontro terá lugar no Rosal organizado por Eu Rural e visibilizará 13 proxectos promovidos por mulleres en cada un dos municipios deste territorio

Ana Alonso, creadora de Cabuxa, será este venres a representante do Concello de Tui no III Foro da Muller Rural Galega organizado pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural que se vai celebrar no Rosal.

Deste xeito o Concello de Tui vai visibilizar a esta artesá, ao igual que nas dúas primeiras edición o fixo con Lissette Anziani, de Kóock Green Cosmetics e Natalia Rodríguez Estévez, de Bodega Corisca, así coma con Teresa Ubeira, pedagoga tudense, cofundadora do Centro Neuropsicopedagóxico O Pelouro desde Caldelas de Tui que foi a homenaxeada na primeira edición deste Foro.

Ana Alonso, apaixaoda do mundo da arte e da artesanía, aprendeu dende moi nova o oficio do coiro con artesáns do sur de España, continuou formándose e aprendendo novas técnicas de creación en pel.  Creou Cabuxa, unha firma que deseña e crea complementos en pel único e irrepetibles, cun selo atemporal, e nos que tradición, innovacióne modernidade se integran en cada peza.

A marca Cabuxa consolidouse coa unión profesional con Alfredo Hernández ao unirse a creatividade de Ana Alonso co coñecemento do mundo téxtil de Alfredo, creando unha técnica de estampación que define este proxecto coma “arte na pel”.A firma deu un paso máis coa incorporación de Naín,  máster de deseño en pel pola fundación Loewe.   Na actualidade contan con máis de 100 tendas por toda España que venden os produtos que Cabuxa elabora no obradoiro situado en Baldráns, no municipio de Tui.

Ana Alonso é un claro exemplo do emprendemento feminino no rural nunha aposta polo territorio. Este venres no Rosal presentará o seu existoso proxecto xunto a outras quince protagonistas dos concellos de Eu Rural. Do Baixo Miño participarán tamén Ana Álvarez, de Pescados Narcisa da Guarda; Josefa Mariño, percebeira de Oia; María Fandiño, arquitecta do Rosal; e Kinga Maculewicz, de Kinga Trainer de Tomiño. Amais tamén presentarán os seus proxectos Patricia Gómez, de Vouxers de Baiona; Teresa Covelo, da casa niño ‘Curuxa de Lúa’ de Fornelos de Montes; Carmen Soliño, de Muebles Soliño de Mos; Judit García, do centro de equitación ‘Llamas de Cea’ de Nigrán;  Vanesa Casalmorto e Marisé Casalmorto, de Herboristería Dietsana de Porriño; Ana Míguez, de ‘Héroes para la ciencia’ de Pazos de Borbén e Merchi Alonso e Anuska Couñago, de Florería AyM de Redondela.

A primeira edición do Foro Muller Rural celebrouse en Tui, a segunda tivo lugar o ano pasado en Tomiño, e a terceira terá lugar este venres dende ás 10.30 h na adega Quinta Couselo do Rosal. No transcurso do encontro, ás 12.30 h. darán lectura do manifesto da muller rural galega e farán entrega do recoñecemento á muller homenaxeada nesta teceira edición, que será do concello rosaleiro.

A inscrición para participar neste encontro está aberto a través da páxina web de Eu Rural. Tamén se pode realizar enviando un correo a info@eurural.org.

A celebración deste III Foro coincide co Día da Muller Rural foi establecido pola  Asemblea Xeral de Nacións Unidas e se conmemora dende 2008.