Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Amplíase o servizo de recollida de aceite de cociña usado ás parroquias

20/05/2020

Hai un total de 23 colectores situados en distintos puntos do termo municipal

Un total de 23 colectores para a recollida de aceite de cociña usados son os que hai distribuídos ao longo do termo municipal de Tui. Nas últimas semanas este servizo estendeuse ás parroquias dotando destes colectores a Areas, Baldráns, Malvas, Pexegueiro, Rebordáns, Randufe, San Bartolomeu de Rebordáns, Caldelas, e Guillarei.  Quedan pendentes da instalación de contedores Paramos e Ribadelouro onde é preciso acometer unhas obras para a súa colocación. 

En concreto en Areas ubicáronse dous contedores, un no Parque Empresarial, e outro a carón do Centro Cultural. En Baldráns o colector para a recollida do aceite de cociña usado está situado no entorno do centro cultural e da igrexa parroquial. En Malvas o novo colector está no grupo de contedores fronte á antiga escola, en Pexegueiro emprazouse no grupo de colectores existente fronte ao centro cultural, e en Rebordáns, fronte ao colexio. En Randufe situouse no grupo de colectores que hai na Guía. En Caldelas o colector de aceite está a carón do centro social e da estación de tren, e en Guillarei , onde xa había un contedor xunto ao colexio, colocouse un novo colector no Souto. Tamén habia xa un contedor no Anxo, en Pazos de Reis. 

Cómpre lembrar que o aceite de cociña usado débese depositar sempre en envases plásticos no interior do colector.  Deste xeito dende o Concello de Tui séguese a manter a aposta pola reciclaxe do lixo que xeramos. No caso do aceite estímase que un litro pode chegar a contaminar mil litros de auga, de aí a importancia da súa reciclaxe, de depositalo nos colectores correspondentes e non botalo polo fregadeiro. 

Este é o mapa  coa situación dos distintos colectores para a recollida de aceite de cociña usado.